O PSDEG-PSOE DE XINZO RECLAMA Ó CONCELLO INFORMES SOBRE A LEGALIDADE DOS CARTEIS DE GRAN TAMAÑO INSTALADOS NAS FACHADAS DE EDIFICIOS HISTÓRICOS

9999
O PSDEG-PSOE DE XINZO RECLAMA Ó CONCELLO INFORMES SOBRE A LEGALIDADE DOS CARTEIS DE GRAN TAMAÑO INSTALADOS NAS FACHADAS DE EDIFICIOS HISTÓRICOS

Elvira Lama explica que “non cuestionamos a iniciativa en si mesma, posto que pode ser interesante e mesmo dignificante” pero matiza que “dubidamos da legalidade da instalación en edificios senlleiros”

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia vén de solicitar explicacións e informes ó concello desta vila ourensá, co fin de aclarar a legalidade dos carteis de gran tamaño instalados nos últimos días en varios edificios da vila, algúns deles de importante valor histórico. Os socialistas non cuestionan o fondo desta iniciativa –imaxes antigas do entroido acompañadas de frases de escritores insignes sobre esta celebración– mais si cren que a ubicación dalgunhas destas grandes lonas serigrafiadas non respectan ó patrimonio arquitectónico limiao.

Elvira LamaA voceira do grupo municipal socialista, Elvira Lama, explica que “non cuestionamos a iniciativa en si mesma, posto que pode ser interesante e mesmo dignificante do que se quere transmitir sobre o noso entroido”, pero matiza que “dubidamos da legalidade da instalación desas grandes lonas con grandes ancoraxes de ferro cravados directamente sobre as pedras de edificios senlleiros da vila”. “Dubidamos que algunhas das localizacións escollidas sexan as adecuadas por ser edificios que non son de titularidade municipal, como é o caso da Igrexa Vella, ou por ser construcións que gozan dunha especial protección patrimonial e, polo tanto, están suxeitos a una normativa específica”, explica.
“O goberno local do PP de Xinzo de Limia en descomposición absoluta, debería de deixarse de executar a súa acción de goberno á deriva e só en base a ocorrencias que lle encargan a amiguetes a dedo, e con parches en todas as esquinas da vila, ideas que poderían incluso danar seriamente o patrimonio”, denuncia. Os socialistas reclaman un pouco de sentido común e unha gran sensibilidade á hora de executar actuacións como estas, que precisan de informes técnicos favorables e preceptivos, para non ter que rectificar logo actuacións levadas a cabo sen sentido e ó marxe da normativa vixente.
Lama recorda que non é a primeira vez que o PSdeG-PSOE denuncia o desleixo absoluto do goberno local co patrimonio e o respecto á normativa urbanística, por exemplo, o sucedido coa escola de gaitas. Ante estes feitos, os socialistas xa solicitaron, de existir, copia de todos os informe dos técnicos municipais de urbanismo para escoller a localización dos paneis, e copia do informe dos técnicos de patrimonio que avalan as ubicacións executadas.