O PSdG de Lobios en contra do peche do complexo termal de Riocaldo

Complexo Termal Lobios
O PSdG de Lobios en contra do peche do complexo termal de Riocaldo

Os e as socialistas critican que “outro inverno máis” as instalacións termais volvan a pechar, coincidindo coa ponte da Constitución, unha decisión “fatal” para os traballadores, os negocios e a veciñanza

O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia que o peche da concesión do complexo termal de río Caldo, que se levará a cabo a partir do día de hoxe e que se prolongará ata o mes de marzo, suporá para a vila un prexuízo “incalculable”, tanto económica, como socialmente. Os e as socialistas critican que “outro inverno máis” as instalacións termais volvan a pechar, coincidindo ademais desta vez coa ponte da Constitución, unha decisión que consideran “fatal” para os traballadores, traballadoras, os negocios e a veciñanza do municipio.

Dende a Agrupación Socialista de Lobios manifestan que a decisión levada a cabo por Caldaria, a cadea de hoteis balnearios da Fundación San Rosendo que xestiona esta concesión, provoca “nefastas” consecuencias no municipio. Por un lado, os e as socialistas explican que o peche afectará “negativamente” aos traballadores e traballadoras que teñen contratos na modalidade de “fixos indefinidos”, xa que tal e como apuntan “terán que desprazarse durante os meses de peche ata outros balnearios da cadea, tendo que percorrer arredor de 160 quilómetros diarios (ida e volta) para desprazarse dos seus domicilios aos postos de traballo e viceversa”.

Neste senso, tamén apuntan a que ó “elevado” gasto en combustible, “súmanse” tamén as “horas perdidas” no desprazamento e que “non serán remuneradas”, ademais do “factor psicolóxico” derivado desta decisión, xa que tal e como explican dende o PSdeG-PSOE de Lobios “os traballadores e traballadoras afectadas por estes cambios verán alterada a súa vida familiar e laboral, complicando a conciliación e obrigándoos a correr riscos nas estradas en pleno inverno, supóndelles un trastorno na vida diaria a estas persoas”. Ademais, e tal e como relatan os e as socialistas “algúns traballadores e traballadoras veranse forzados a cambiar de modalidade do seu contrato, pasando de fixos a fixos descontinuos, o que lles supón un prexuízo laboral e económico, que se suma ao esforzo familiar e económico dos desprazamentos”. Ao ser fixos descontinuos, traballarían os nove meses que o balneario de Lobios estea aberto, e irían ao paro os tres meses nos que bote o peche.

O secretario local da Agrupación Socialista de Lobios, Iván Rouco, afirma que “a inactividade do principal motor termal e, por conseguinte, turístico do Concello supón un grave prexuízo social e económico a Lobios, co que todos e todas saimos perdendo”. O máximo responsable dos socialistas do municipio critica que con esta decisión “perden os negocios de río Caldo e do resto do municipio e non só da hostalería, senón doutros sectores nos que os hóspedes, clientes e usuarios consumen, mercan e crean vida, punto fundamental no eido económico e social da vila”.

Rouco sinala que a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, e o presidente provincial do PP, José Manuel Baltar, “permiten o peche, ao optar pola inacción e por mirar para outro lado, namentres Lobios perde un dos seus principais motores económicos”. Neste senso tamén apunta a que tanto a rexedora como o presidente da Deputación de Ourense “adoitan a falar de Lobios, Vila Termal, e vender o termalismo no noso municipio, obviando a realidade municipal, que é que temos uns mananciais e recursos infinitamente desaproveitados e uns letreiros nas estradas, que durante estes meses non van servir para nada”. Por este motivo, esíxelles que “falen con feitos e non con verbas baleiras”.

Dende o PSOE de Lobios tamén poñen o foco sobre a alcaldesa a que acusan de “non representar á veciñanza, nin dar a cara e loitar polo interese dos veciños e veciñas que traballan no balneario, nin polo beneficio e o futuro do municipio e o resto da veciñanza”. Os e as socialistas consideran “indispensable” sentarse a falar e dialogar coa empresa, co obxectivo de “atopar unha solución a estes peches intermitentes que tanto mal provocan”, ademais de “facer cumprir as cláusulas e acordos do convenio asinado polo Concello e a Fundación hai xa 20 anos”. Lembran que foi o PP de Lobios, co seu ex-alcalde, Benito Vázquez, á cabeza os que “lle regalaron tan prezado recurso termal e natural a empresa privada, deixando de lado os intereses público e colectivo de Lobios, algo que quedou demostrado co paso do tempo”.

A Agrupación Socialista de Lobios considera que esta cesión, á devandita entidade privada, supuxo que “todo fora de mal en peor para os intereses públicos de Lobios, comezando por perder o dominio sobre os mananciais termais e os terreos onde está situada a piscina exterior”.