domingo 20/6/21

PSOE e XA consideran nefasta a decisión do Sergas de deixar unha enfermeira en pediatría

Creen que na reunión do luns se quixo tapar a realidade

centro saude xinzo
centro saude xinzo

    Os dous grupos políticos non entenden como o Sergas non recúa na súa decisión de suprimir unha enfermeira en pediatría no centro de saúde de Xinzo. Así mesmo consideran que a reunión que tivo lugar o luns, para dar explicacións ós pais sobre estes feitos, foi un intento de enganar á sociedade ante un novo recorte en sanidade. 

A portavoz do PSOE sinala nun comunicado que "nunha aula de reducidas dimensións pretenden convencer, e en base a números doutros centros de saúde, incluíndo o de algunha capital, que unha soa enfermeira pode atender a toda poboación infantil da comarca da Limia". Elvira Lama considera que o lugar escollido para dar estas explicacións, a aula da Escola Rural da Limia, non foi a mellor opción pois "máis da metade dos pais marcharon cabreados porque as técnicas non quixeron baixar ó salón de actos onde había máis espazo para que tódolos asistentes poideran seguir con atención as súas explicacións".

Neste último punto tamén concordan dende Xinzo Adiante, que non entenden porque se escolleu "unha asociación con pouca repercusión social para dar conta de algo que afecta a toda a Comarca".Van máis aló e creen que a xuntanza non se quixo facer multitudinaria "porque había algo que ocultar".  Dende XA apuntan que "esiximos que se volva rehabilitar na súa praza de enfermeira adscrita a Pediatría á profesional que foi trasladada, volvendo contar este servizo médico con dúas enfermeiras, como viña sendo ata agora". 

Pola súa banda, a responsable da Escola Rural sinalou que a xuntanza fora convocada "para ser un encontro de entendemento entre os técnicos do Sergas e os pais da asociación, había xente que non son pais senón que son do ámbito político e non queremos politizar nada, somos unha asociación sen ánimo de lucro que tratamos de axudar a quen pertence a ela". Declaracións en referencia ás críticas de pais que non puideron acceder á aula onde estaba o persoal do Sergas dando explicacións, por falta de espazo.

En calquera caso,a enfermeira xa foi trasladada a atención adulta. Dende o PSOE sinalan que farán todo o que estea nas súas mans para "evitar que se desmantele a sanidade na Limia". Xinzo Adiante esíxelle a Eloína Núñez que se reúna cos grupos municipais de Xinzo e que lles comunique "que pensa facer respecto á moción aprobada por unanimidade para o mantemento das dúas prazas de enfermería adscritas a Pediatría".

Comentarios