O río Limia formará parte dun programa de protección e conservación para afrontar periodos de intensas choivas ou de secas prolongadas

rio
O río Limia formará parte dun programa de protección e conservación para afrontar periodos de intensas choivas ou de secas prolongadas

A Confederación Miño-Sil e a Axencia Portuguesa de Ambiente impulsan este proxecto medioambiental a través dunha candidatura conxunta.

España e Portugal únense para contribuír á mellora das cuncas dos ríos Miño e Limia. Esta colaboración maniféstase nun proxecto común a nivel europeo. O obxectivo é favorecer unha xestión e planificación máis eficiente dos ríos. Con este fin, produciuse unha xuntanza entre o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e o seu homólogo portugués da Axencia Portuguesa de Ambiente, Jose Carlos Pimenta. A reunión celebrouse no concello de Lobios e nela participou tamén a alcaldesa do municipio, María del Carmen Yáñez e técnicos de ambos organismos.

O que se pretende é promover actuacións preventivas e de restauración que colaboren na conservación, mellora e posta en valor do patrimonio natural do Miño e o Limia.

Nestes momentos xa están en marcha varias candidaturas conxuntas de España e Portugal. Unha delas é o "Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) Raia Termal". Inclúe accións de protección dos espazos naturais do Miño e o Limia. Con el ponse en valor o patrimonio medioambiental e fluvial asociado ós recursos termais da zona. O mesmo tempo, trabállase coa última tecnoloxía na mellora da calidade ambiental da auga nos distintos tramos de ambos ríos.

Outra das candidaturas que se están levando a cabo é o "POCTEP Migramiño" que contempla a conservación de peixes migradores no tramo internacional do Miño.

Agora súmaselle este novo proxecto co fin de acadar unha boa xestión das cuncas do Miño e o Limia en etapas de intensas choivas ou de seca prolongada.