Sábados en familia

sabados en familia 1
Sábados en familia
Continúan as actividades organizadas polo CDR O Viso

O pasado sábado 12 de febreiro tivemos a sorte de volver a Congostro, San Miguel e Santrandé para unha andaina coas nosas familias habituais dos sábados. Algunhas das participantes na actividade nunca estiveran en tan fermosos lugares, e outras volvemos para descubrilo de man das súas veciñas e veciños, que é outra cousa.

sabados en familia 2
sabados en familia -CDR O VISO

Foi unha marabilla chegar e que nos recibira tanta xente, porque en Congostro as fins de semana xúntase moita rapazada coas súas familias, verdadeiros dinamizadores da aldea.
Comezamos subindo ata San Miguel cun ambiente moi agradable entre conversas e a algarabía da expedición; paramos no forno comunal e aí empezaron as fermosas historias do pasado e do presente tan ben transmitidas polo Víctor, a Carmen, a Virginia, a Érica, a Daniela, o Óscar, a Jeni e a Mª Carmen, nativas/o de Congostro. Foron moitas as risas polas anécdotas escoitadas: casamentos imposibles, a corrida do galo, o regaré, e tamén moitas as aprendizaxes acerca das casas e os lugares propios: o castro, o castelo de Celme, as investigacións etnográficas etc. Gustounos moito esta xornada porque vimos como a xente nova mantén moi vivo e moi presente o legado ancestral da cultura propia dándolle unha volta ós pros e ós contras, reflexionando e compartindo inquedanzas. Todo isto acontecía mentres nenas e nenos brincaban, saltaban, trepaban...nunha andaina das máis intensas que levamos feito, pero que fixeron de principio a fin.

sabados en familia 3
sabados en familia 3

Insistimos na nosa reivindicación da riqueza patrimonial e paisaxística da Limia. Non deixamos de atopar lugares especiais con xente marabillosa. Grazas as familias de Lodoselo, Xinzo e Laroá, habituais destes encontros por estar sempre dispostas.
Esta actividade é financiada pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto dobre a renda das persoas físicas dentro do programa “O noso espazo: encontros de familia, parentalidade positiva e actividades educativas” do CDR O Viso.