domingo 24/1/21
NOTA DE PRENSA DOS SOCIALISTAS DE XINZO

Os Socialistas coidan que aínda se está a tempo de formular o proxecto da reforma da avd/ de Celanova doutro xeito, compaxinando unha necesaria reforma coa protección do medio ambiente

Denuncian que o alcalde non ten copia da solicitude da obra da avenida de Celanova nin dos informes técnicos do concello e remíteos a  Axencia Galega de Infraestruturas

Tal como indican dende o Grupo Municipal Socialista no concello de Xinzo, cada día que pasa, o alcalde, ofrece máis mostras da súa incompetencia e desinformación. “Ao ser preguntado pola reforma da Avenida de Celanova, ata en dúas ocasións, non ten outra resposta que remitirnos á Axencia Galega de Infraestruturas”, apunta Elvira Lama, Portavoz socialista en Xinzo, “que tipo de alcalde e de grupo de goberno padecemos para que falten deste xeito ás súas responsabilidades?. A súa obriga é a de contar tanto coa copia de solicitude feita á Xunta para que realice a obra coma ter copias de todos os informes emitidos polo concello a este respecto”. 

O alcalde de Xinzo parece que aínda non se enterou do profundo rexeitamento que causa en todos os veciños e veciñas, o proxecto de remodelación que inclúe a tala de 56 árbores nunha avenida emblemática. A mobilización coa que a cidadanía respostou a esta tentativa arborecida, foi exemplar, destacan os socialistas de Xinzo. Aparte da creación dunha plataforma en defensa da permanencia das árbores, a oposición ao completo esixiulle a este alcalde un posicionamento en contra da tala que non chega. Antonio Pérez parece máis interesado en cumprirlle o gusto á Xunta, gobernada polo seu ex partido, que en defender os intereses do concello que goberno. 

As respostas recibidas polo Grupo Municipal Socialista non deixa marxe á dúbida, trátase dun desleixo absoluto. En verbas de Elvira Lama: “unha obra desa envergadura no noso concello non acontece todos os días e o alcalde nin se preocupa de gardar copia da solicitude”. De todos xeitos, para os socialistas, hai algo estraño nas contestacións do grupo de goberno, posto que resulta absolutamente incrible que non se conserve copia da petición da obra nin dos preceptivos informes técnicos. Tal parece que o alcalde ten algo que agochar neste tema, abafado polo rexeitamento xeral, mantén ocultas cales foron as súas intencións dende o inicio. Os socialistas, pola súa banda, amósanse indignados ante esta actitude escurantista por parte do señor Pérez, quen parece descoñecer o dereito que teñen todos os concelleiros a obter información de calquera documento que obre en mans do goberno.  

Dende o PSdeG-PSOE de Xinzo reiteran a súa intención de chegar ao fondo da cuestión e seguen insistindo en que non se pode entender a falta de valentía do alcalde e a súa falta de posicionamento ao lado dos veciños. Como veñen defendendo dende que se descubriu que a reforma incluía a tala das árbores, os socialistas coidan que aínda se está a tempo de formular o proxecto doutro xeito, compaxinando unha necesaria reforma coa protección do medio ambiente e dun espazo senlleiro para todos os veciños e veciñas de Xinzo.   Lembran que as agresións ao medio ambiente son sempre inxustificadas pero no caso de Xinzo acada unhas “dimensións tráxicas”, posto que se trata dun concello devastado forestalmente pola concentración parcelaria ao redor da vila. Sendo conscientes desta situación, dende o PSdeG-PSOE non entenden como o goberno do PP acepta, sen cuestionar, un proxecto necesario que, sen embargo, prantexado así “atenta contra os intereses do pobo”.

Comentarios