OS SOCIALISTAS DE XINZO DE LIMIA CONSIDERAN UN ATENTADO ECOLÓXICO AS OBRAS DE REMODELACIÓN QUE ENCEMENTARON O PARQUE DO POMBAL

Reforma parque Pombal Xinzo
OS SOCIALISTAS DE XINZO DE LIMIA CONSIDERAN UN ATENTADO ECOLÓXICO AS OBRAS DE REMODELACIÓN QUE ENCEMENTARON O PARQUE DO POMBAL

Elvira Lama denuncia que “a nula xestión do goberno local e a súa escasa sensibilidade co medio ambiente, permitiu que a empresa execute a obra sen a necesaria e obrigatoria supervisión dos técnicos”

O PSdeG-PSOE anuncia que pedirá por rexistro acceso completo ó expediente da obra e solicitarán que se cumpran todos os termos do proxecto “si é que está redactado en condicións óptimas”

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia considera un “atentado ecolóxico” as obras de remodelación que se están a executar no parque do Pombal e que acaban de encementar a súa superficie. A falta de sentido común e a caótica dinámica xeral de funcionamento do grupo de goberno local do PP, provocou que este espazo verde da vila ourensá, presente na actualidade unha gran placa de formigón en toda a súa superficie, co fin de instalar corcheira ata o mesmo pé das escasas árbores do recinto.

A portavoz municipal dos socialistas, Elvira Lama, denuncia que “a nula xestión do goberno local conservador e a súa escasa sensibilidade co medio ambiente, permitiu que a empresa adxudicataria da remodelación do parque do Pombal se execute sen a necesaria e obrigatoria supervisión por parte dos técnicos do Concello”, unha situación que derivou nunha nova desfeita medioambiental nun dos lugares de esparexemento de Xinzo.

O PSdeG-PSOE explica que “tras preguntar polo proxecto de reforma deste parque, o técnico que está no Concello non tiña novas do mesmo, e o técnico que supostamente leva o control e sinatura non se atopa nas dependencias municipais por estar a desfrutar de días de vacacións, mentres os traballos avanzan a bo ritmo”. “A remodelación xa avanzou tanto que os traballadores da empresa adxudicataria están a votar formigón ata o borde mesmo das árbores, quizais coa intención de secalos, ou ben porque a empresa é a primeira vez que executa unha obra destas características, ou simplemente porque o proxecto está redactado deste pésimo xeito”, detalla Lama.

O grupo socialista asegura que en todas as actuacións que coñecen deste tipo, o respecto ás arbores é obrigado, deixando os alcorques necesarios para que non sequen. “Mesmo cando se fai unha actuación nova e se contempla a colocación de especies arbóreas de nova planta, asegúrase espazo dabondo para poder regar ou aboar, ou para que simplemente non afogue e remate por secar calquera tipo de planta ou arbore”, advirten.

A nula sensibilidade do grupo de goberno local do PP, que unicamente presta atención plena ás súas liortas internas e conspiracións para suceder ó alcalde, mentres abandona as necesidades reais da vila e dos seus habitantes, provoca reiteradamente despropósitos deste tipo que os socialistas cualifican de “atentado ecolóxico”. Ante esta nova situación de descontrol nas actuacións públicas a cargo do Concello, o PSdeG-PSOE anuncia que pedirá por rexistro, acceso completo ó expediente da reforma, e solicitarán que se cumpran todos os termos detallados nese proxecto, “si é que está redactado nas condicións óptimas nas que supostamente debería estar”, conclúe Lama.