miércoles 08.07.2020

Suspendida oficialmente a festa do Esquecemento

ACORDO UNÁNIME DOS MEMBROS DA ASOCIACIÓN CIVITAS LIMICORUM
Suspendida oficialmente a festa do Esquecemento

Incluimos a carta comunicación integra enviada pola directiva da asociación a todos os membros:

COMUNICADO INFIORMATIVO A SABER DO COVID-19

Este ano, por máis que se buscaron métodos eficientes para poder levar adiante a Festa do Esquecemento, finalmente a A. C. "Civitas Limicorum" tomou a decisión, pesarosa e triste, de SUSPENDER a Festa do Esquecemento na súa vixésima edición. Este ano a nosa Festa celebraba xa dúas décadas de andaduras, símbolo da forza e da vontade de turrar polo noso, pola nosa cultura e a pola nosa vila facendo da penúltima fin de semana de Agosto un dos momentos máis esperado para moitos de nós e para moita xente que se achegaba a Xinzo co pretexto de gozar da nosa historia ó carón do Rió Limia.

Por forzas maiores que escapan de toda posibilidade debido á extraordinaria situación que nos tocou sufrir a A. C. "Civitas Limicorum" vese impedida para celebrar a festa xa que non dispón dos medios necesarios para implementar as esixencias de seguridade e salubridade que se esperan neste intre dun evento das nosas características.

É sabido que un dos principios desta Directiva, dende fai ben anos, foi a mellora nos eidos da seguridade e hixiene en todos os seus aspectos e, sen dúbida, este ano non sería menos. A decisión que nos ocupa ben dada pola responsabilidade que sentimos para e cos nosos socios e socias en primeiro termo e seguidamente cos nosos veciños e veciñas e todas aquelas persoas que veñen a vivir connosco a Festa do Esquecemento.

As actividades que desenrolamos polo xeral na Festa, e especialmente o Campamento Castrexo-Romano, estarían impedidas polas medidas que se tomarían, e a súa celebración suporía un risco sanitario innecesario para todos nós. Por todo isto se tomou a difícil decisión de suspender a nosa Festa. Hai que atender ante todo a solidariedade e a ética nun momento tal onde temos que extremar as precaucións e cumprir as medidas que se nos presentan para poder, así, seguir adiante cá nosa Festa en vindeiras edicións. Seguiremos traballando para encontrar alternativas viables para que o espirito e a forza que nos caracterizan non deixen de sentirse nesta tempada, para que a Festa non deixe de facerse sentir nas rúas da vila de Xinzo e a comarca da Limia.

Xa virán anos mellores e con eles a Festa do Esquecemento, mellorando e facendo cada ano unha Festa inesquecible para todos nós onde " a maxia que vagaba polo mundo volverá a rexurdir e o que agora parece imposible, camiñará de novo o noso carón", como dí o noso druída. A Festa do Esquecemento, sen lugar a dúbidas non se esquecerá e volverá para o ano 2021, onde seremos quen de festexar os nosos 20+1 anos de mitos e seres fantásticos, de heroes e deuses, de vida e morte o carón de Décimo Xuño Bruto e Beltain.

 Que viva a Limia!

 Que viva o Lethes!

Que viva a Festa do Esquecemento!