jueves 15/4/21

TURISMO DE GALICIA DESTINA 45.000 EUROS Á PROMOCIÓN DAS FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO DE 15 CONCELLOS OURENSÁNS

Dous deles son da Limia

50
  • A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz,subliña que estas manifestacións culturais e gastronómicas supoñen un reclamo de atracción turística e un incentivo para as economías locais

A Xunta de Galicia ven de conceder, a través de Turismo de Galicia, subvencións por un importe de 45.000 euros a 15 concellos da provincia de Ourense que celebran festas declaradas de interese turístico galego.

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, destacou este apoio e subliñou a necesidade de potenciar estas festas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico e son un recurso “que hai que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística e, por suposto, un extraordinario incentivo para as economías locais”.

A Xunta outorgou 3.000 euros a cada concello solicitante, xa que as axudas se convocan en concorrencia non competitiva, para colaborar cos gastos relativos á promoción e a difusión turística da festa, como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación ou actuacións artísticas. No caso de celebración de festas gastronómicas son subvencionables tamén os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

Deste xeito, a Xunta destinou 45.000 euros as seguintes festas: a Festa da Castaña e do Cogumelo, en Riós; a Romaría da Saínza, en Rairiz de Veiga; a Festa do Pemento de Arnoia; a Festa do Pemento de Oímbra; a Festa do Peixe, en Bande; o Entroido de Laza; o Folión do Entroido de Manzaneda; o Entroido de Maceda, A Festa da Androlla, de Viana do Bolo; a Festa de Exaltación do Pan de Cea, A Feira do Viño do Ribeiro, en Ribadavia; a Festa dos Maios, en Ourense; a Xuntanza Internacional de Gaiteiros, en Monterrei; o Entroido de Vilariño de Conso; e, por último, a Romaría Etnográfica Raigame, en Celanova.

“O obxectivo é potenciar as manifestacións culturais que supoñen unha valoración da cultura e das tradicións populares”, indicou Díaz Mouteira.

Comentarios