Últimos días para presentar obras ao XV Certame de Artes Plásticas da Deputación

0 Fachada Deputacin OU
Últimos días para presentar obras ao XV Certame de Artes Plásticas da Deputación

O obxectivo deste concurso é premiar e difundir traballos dos creadores máis novos, de entre 18 e 30 anos, que poderán participar ata o día 15 de xuño

O día 15 de xuño remata o prazo para presentarse ao XV Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense que ten como obxectivo premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos. Ao certame pódense presentar tódolos artistas de entre 18 e 30 anos cun máximo de dúas obras cada un.

A convocatoria deste concurso realízase para as modalidades de pintura, escultura, gravado e calquera outro tipo de expresión artística (vídeo, arte dixital, instalacións, etcétera). A temática é libre e admitiranse todo tipo de tendencias estéticas e o emprego de calquera tipo de técnica e material.

En canto ás obras, deberán axustarse as seguintes características: en pintura non poden ser superiores a dous metros en calquera das súas dimensións, en escultura terán que ter unha altura máxima dun metro con oitenta centímetros e unha base que non superará un metro por un metro, e no caso de gravados e outras expresións artísticas as medidas son libres.

Os premios, que se establecen sen distinción de modalidade, ascenden a unha contía total de 7.000 euros, distribuídos do seguinte modo: 3.000 euros para o primeiro premio, 2.000 euros para o segundo premio, 1.000 euros para o terceiro premio, e dous accésits de 500 euros cada un. As obras non poderán estar premiadas con anterioridade en ningún outro certame artístico.

Ademais, a Deputación realizará unha exposición, no mes de setembro, cunha selección dos traballos presentados e realizará o correspondente catálogo. As obras que reciban algún dos premios con dotación económica pasarán a formar parte dos fondos artísticos da Deputación de Ourense, mentres que os titulares das obras non premiadas deberán retirar estas unha vez remate a exposición, cun prazo máximo dun mes.

Os interesados en participar poderán presentarse ata o día 15 de xuño de 2019, e deberán entregar ou enviar as súas obras ao Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. Para a súa identificación, as obras levarán en lugar ben visible un lema identificativo, que pode ser común ás obras presentadas polo mesmo autor. En sobre pechado aparte incluirá un boletín de participación no certame ou copia deste por cada obra presentada, debidamente cuberto e cunha copia do DNI do autor. No exterior do sobre figurará o lema da obra ou obras.