miércoles 01.04.2020
Nota de Prensa

Valoración do BNG do pleno de elección do Sr. Cabas como terceiro alcalde no que vai de mandato

Valoración do BNG do pleno de elección do Sr. Cabas como terceiro alcalde no que vai de mandato

A celebración hoxe, ás presas, do pleno extraordinario no que resultou elixido alcalde o terceiro candidato do PP, Manuel Cabas, logo da renuncia forzada pola xustiza de Antonio Pérez, e da dimisión inesperada por “motivos persoais” de Manuel Casas, é un capítulo máis do culebrón permanente no que o Partido Popular leva convertido ao Concello de Xinzo nos últimos dous mandatos.
A escolla do Sr. Cabas, xa oficializada no Salón de Plenos logo de ser bendecido na xestoría do ex-alcalde condenado, nin vai pechar a crise institucional, nin vai supoñer ningún tipo de revulsivo no fracturado goberno do Concello. O que o PP non fixo en 30 anos non o vai facer agora en 9 meses, por moito empeño e colaboración que achegue o Sr. Baltar utilizando e instrumentalizando á Deputación para tentar silenzar as críticas e dar unha apariencia de “normalidade” e de “acción de goberno”, cando a teimuda realidade é que Xinzo non ten sobre a mesa ningún proxecto estratéxico a curto, medio ou longo prazo e levamos décadas de atraso consecuencia dos gobernos “populares”.


Logo do discurso breve, plano e falto de novas ideas escoitado hoxe non depositamos demasiadas expectativas no Sr. Cabas e, en todo caso, si esiximos que exerza as súas funcións con independencia, criterio e personalidade propios, sen influenzas ou teledirixidos externos, e facemos votos para que sexa o derradeiro alcalde que teñamos neste mandato. Na nosa liña, continuaremos a propoñer e apoiar todas as medidas que supoñan avances e resulten beneficiosas para as veciñas e veciños de Xinzo, que serán os que teñan o vindeiro ano na súa man e co seu voto a solución a toda esta desfeita.


Dende o BNG mantemos a nosa folla de ruta de cara ás eleccións traballando nunha alternativa de goberno que sitúe a Xinzo na senda de outros concellos de Galiza que apostaron hai tempo por gobernos de progreso e que, a día de hoxe, colleitan xa os froitos de esa aposta.

Valoración do BNG do pleno de elección do Sr. Cabas como terceiro alcalde no que vai de...