As visitas electoralistas do PP a Xinzo de Limia

IMG_0525
As visitas electoralistas do PP a Xinzo de Limia

O día 11 deste mes visitou Xinzo o Conselleiro de Medio Rural José González, no terceiro “gran” acto da campaña electoral que o PP xa iniciou de cara ás eleccións municipais de maio deste ano.

En primeiro lugar, queremos manifestar o noso desacordo coa persoa responsable de comunicación do Concello, que nos anunciou tarde a súa visita, pasadas as 15,25 horas do día anterior. As persoas concelleiras de Xinzo Adiante traballamos e non podemos nun en menos de 24 horas modificar as nosas axendas de traballo. Por outra banda, este tipo de visitas non se programan por parte da Consellería dun día para outro, senón coa suficiente antelación. Por iso non puidemos estar nese acto no que si queriamos estar para expoñer outros temas, ademais do regadío, que consideramos moi importantes.

A tema estrela desta visita foi o regadío da Comarca da Limia. Anunciouse que se van investir 4.300.000 euros no 2019, 100.000 euros máis dos que prometeron para o ano 2018.

Dende Xinzo Adiante queremos lembrar que o regadío da Limia colleu pulo no Parlamento de Galicia grazas á iniciativa de Xinzo Adiante e co apoio do parlamentario David Rodríguez Estévez.

A primeira iniciativa foi a presentación dunha proposición non de Lei presentada o 22.02.2017 para que o Sr. Feijoó cumprise coa súa promesa electoral do ano 2015, cando prometeu que proximamente se iniciarían as obras do regadío por un importe de 27.000.000 €.

Esta proposición foi rexeitada pola maioría absoluta do PP, votando en contra tamén o parlamentario por Xinzo D. Carlos Gómez Salgado.

Nese mesmo ano o PP tamén rexeitou unha emenda aos orzamentos para incluír eses 27.000,000 de euros.

Si se aprobou por unanimidade outra proposta presentada por David Rodríguez Estévez o 24 de outubro de 2017, para que as obras do plan de modernización do regadío na Comarca da Limia se iniciase antes de Xuño do 2018. Desgraciadamente aínda non se fixo nada.

Nos orzamentos do 2018 recolleron unha partida para este fin por importe de 4.200.000 € e non gastaron nin un céntimo de euro. Agora para o 2019 anuncian 4.300.000 euros; é dicir os cartos que non gastaron en 2018 máis 100.000 euros. Pero moito tememos que volva pasar o mesmo e non executen nada do presupostado.

Aínda que esta obra é a máis necesaria para a nosa Comarca, pola nosa dependencia económica da agricultura e da gandería cremos que hai tamén outras de moita importancia ás que ninguén lle buscou unha solución:

1. A mellora das pistas de concentración, canles, cunetas... todas elas en estado calamitoso e para as cales non se contempla ningún tipo de mellora a curto prazo.

2. Outro problema moi grave é o dos residuos agro-gandeiros. Cando no ano 2012 se pechou a planta de transformación de xurros situada no polígono industrial de Sarreau,s o noso portavoz, Manuel Pérez Campos, presentou unha moción instando ao Concello de Xinzo de Limia a que lle solicitase ás outras Administracións (Deputación, Xunta de Galicia e Goberno de España) que puxesen todos os medios necesarios para que esa planta se volvese abrir e funcionase para os fins para que foi creada.

Descoñecemos se o Grupo de Goberno do Concello (PP) fixo algunha xestión, pero visto o nulo resultado, cremos que non. E, no caso de que tratasen de facer algo, queda claro que o PP non ten poder ningún dentro do seu propio partido, que daquela gobernada en todas as Administracións.

O que si nos queda claro é que levamos 3 visitas de altos cargos da Xunta de Galicia e de aquí a maio isto pódese incrementar con promesas electorais que non se van cumprir, só para que o PP non perda a Alcaldía.

IMG_0525No mes de novembro visitou Xinzo o Presidente da Xunta de Galicia acompañado pola Conselleira de Infraestruturas para anunciar un investimento en Xinzo superior aos 2.000.000 €. O Sr. Presidente –nun acto de sinceridade pouco habitual nel- dixo que era a inversión máis importante que a Xunta de Galicia facía en Xinzo de Limia nos últimos 10 anos (sempre gobernada polo PP). Pouco ou nada lle “choraron” os nosos Alcaldes durante este tempo.

Tamén en novembro, veu a Conselleira de Medio Ambiente para anunciar a ampliación do polígono industrial, pero non se preocuparon nestes anos das múltiples carencias que ten o xa existente.

E agora apareceu o Conselleiro de Medio Rural.

Dende Xinzo Adiante queremos, humildemente, pedirlle á cidadanía de Xinzo que non se deixe enganar por promesas feitas en época electoral e que mire como o PP está deixando Xinzo: sucidade, falla de obras, infraestruturas en estado penoso, servizos sociais e de dependencia colapsados, adxudicacións aos seus amigos de sempre....por non falar da sangría demográfica.

No ano 2011 tiñamos unha poboación de 10.329 persoas e a decembro do 2018 temos un censo de 9.836. En 7 anos perdemos 493 habitantes, algúns por falecemento, pero a maior parte porque marcharon de Xinzo de Limia por non teren oportunidades laborais. Esta perda de poboación tamén significa unha perda de ingresos por parte do Concello de arredor de 250.000 € anuais.

Para evitar que este declive vaia a máis só hai unha fórmula: facer de Xinzo un lugar atraente, crear postos de traballo, dotarnos de servizos e infraestruturas mellorando e conservando os que xa temos, atender axeitadamente aos nosos maiores e nenos.... unha longa lista de cousas que o PP foi incapaz de facer ao longo de todos os anos que leva gobernando.

Por todo isto, en maio deberíamos apoiar un goberno alternativo ao PP, cuxa única preocupación sexa Xinzo e a súa cidadanía.