viernes. 03.02.2023

O  venres, 4 de novembro, fixemos o magosto no Centro de Inclusión. E case toda a xornada xirou arredor desta festiña do outono; o pasado luns xa fixemos outro no patio da reitoral. Picamos as castañas, lembramos e cantamos as cantigas desta festa e comemos, bailamos e gozamos da boa compaña: nenos e familias da Casa Niño, as persoas da vivenda comunitaria e do C. de Inclusion, traballadoras, músicos... Grazas. Grazas, se cabe, máis especiais neste día, 5 de novembro, declarado día internacional das persoas coidadoras pola ONU.

Ademais tivemos ó longo do día con nós a tres persoas de Cos pés na terra (Televisión de Galicia) que viñeron gravar un programa sobre o traballo que desenvolvemos no CDR O Viso, especialmente cos maiores (na vivenda comunitaria, no centro de inclusión-casa niño,  nos domicilios cos servizos de proximidade).

Cos pés na terra é un programa que achega aos espectadores as pequenas e grandes historias de mulleres e homes que apostan por construír a súa vida no campo e móstralles como saen adiante cada día, con esforzo e esperanza.

Leva 12 ou 13 tempadas emitíndose e permite seguir emocionantes historias humanas de esforzo e coraxe, con humor e simpatía, que se suman á opción inequívoca de permanecer no terreo como un medio para desenvolver o seu traballo.

Hoxe tivemos a sorte de compartir o día con Borja, o produtor (que xa viñera pasar aquí unha xornada con nós)  con Álex, o cámara e con Diego, o director. Abrímoslle as portas e gozamos da súa mirada expectante, das súas interesantes preguntas, da súa atenta escoita, do seu admirable respecto. Grandes profesionais transmitindo unha enorme sintonía. Moitísimas grazas e parabéns polo voso traballo.

Debatemos algunhas veces no CDR a conveniencia ou non de estarmos presentes nos medios de comunicación, nas redes sociais... Estamos bastante de acordo que comunicativamente o que non se conta, non existe: vivimos na era da comunicación dixital. Sabemos que entre as distintas opcións e segundo as nosas necesidades é importante saber elixir que canle utilizar para ser eficaces e evitar o ruído informativo: Axúdannos a dar a coñecer o noso traballo, crean imaxe, facilitan o recoñecemento social e axudan para conseguir apoios. No noso caso ao xestionar diñeiro que provén, en parte, de subvencións públicas, diñeiro de todos os contribuíntes parécenos ético ademais de utilizalo convenientemente, ser capaces de dar visibilidade ao que facemos; tamén co financiamento que logramos de axudas e doazóns privadas.

Preme no enlace se queres ver o noso Magosto e outras imaxes da xornada

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d389010439k6762657o2l1/Magosto 2022.C de I. Cos pés na terra