martes 1/12/20

Xinzo acolle un concurso de papeleiras creativas de Samaín dirixido ós máis pequenos

Organiza o colectivo Nais e Pais pola Cultura

    Os nenos e nenas da vila teñen unha oportunidade de por a súa arte creativa a funcionar e darlle un aspecto terrorífico ás rúas da vila por un día. O colectivo Nais e Pais pola Cultura de Xinzo, organiza un concurso de papeleiras creativas con motivo da celebración do Samaín. A intención é concienciar ós máis pequenos sobre a importancia de manter o pobo limpo e coidalo ó tempo que é unha actividade de ocio que fomenta a participación dos máis novos en actividades culturais. samain

Os cativos que desexen participar poderán entregar as súas obras de arte na tenda de "chuches" da Praza Maior  ata as 21h do venres 30. 

O sábado 31 é o día no que se van expor as pezas pola Praza Maior e a rúa dos viños. No caso de que o tempo non acompañe, dende a organización traballan coa posibilidade de expor as obras en bares e locais que queiran colaborar. Un xurado formado por Ana Parada, Licenciada en Belas Artes, e algúns dos integrantes do colectivo Matrioska, serán os encargados de escoller a papeleira ganadora. Hai tres premios a repartir formados por libros, xoguetes e mesmo "chuches". A entrega dos galardóns será o día 31 ás 20.30h.

Colaboran coa organización a xoguetería Casal, Toy Planet, Librería Galaica, Tenda das Chuches e El Rincón de María. 

Comentarios