XINZO ADIANTE CONGRATÚLASE DE QUE A REAL ACADEMIA GALEGA DECIDISE DEDICARLLE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS A CARLOS CASARES

cartel homenaxe a Carlos Casares
XINZO ADIANTE CONGRATÚLASE DE QUE A REAL ACADEMIA GALEGA DECIDISE DEDICARLLE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS A CARLOS CASARES

O pasado mes de xaneiro, Xinzo Adiante rexistrou una moción instando ao Pleno municipal a solicitarlle á R.A.G. que se lle dedicase o Día das Letras Galegas do ano 2017 a Carlos Casares, coincidindo co 50º aniversario da publicación do seu primeiro libro, Vento ferido.

Todos os grupos municipais apoiaron por unanimidade esta iniciativa de Xinzo Adiante no Pleno -celebrado o pasado 25 de febreiro de 2016- e trasladóuselle esta petición á R.A.G., que acaba de decidir concedernos a honra de que esta demanda se converta en realidade. Así, a figura de Carlos Casares será homenaxeada o Día das Letras Galegas do vindeiro ano.

Cremos que con este recoñecemento se salda unha débeda que o País tiña con este escritor, académico e editor, ao recoñecer o seu labor literario, cultural e político; a súa loita polo idioma, a democracia e a liberdade, alén do recoñecemento da lingua galega, a súa normalización e prestixio. Ademais, non temos ningunha dúbida de que a súa figura e os actos que se organizarán na súa honra situarán no mapa cultural galego a Xinzo de Limia, onde no mes de maio do ano que vén se situará o eixo central das letras na lingua propia de Galicia.

Animamos ás veciñas e veciños de Xinzo de Limia a participar e implicarse con todos os actos que a ben seguro as distintas administracións local, autonómica e provincial celebrarán na nosa terra para honrar a Carlos Casares como merece.

Consideramos, tamén, que queda demostrado que non é preciso ter cartos, deputados, senadores e grandes estruturas de partido para favorecer o consenso entre as distintas forzas políticas para traballar polo interese xeral. Aí están os resultados.