XINZO ADIANTE SOLICITA A CREACIÓN DE CARRÍS BICI EN VARIOS PUNTOS DA VILA

IMG_7220
XINZO ADIANTE SOLICITA A CREACIÓN DE CARRÍS BICI EN VARIOS PUNTOS DA VILA

Desde as Institucións públicas debemos defender un municipio respectuoso co medio ambiente. En Xinzo Adiante apostamos por un modelo de vila habitable e sustentable. Por iso cremos oportuno e necesario potenciar alternativas que favorezan este modelo de vida.

IMG_7220Neste caso, o protavoz de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, vén de presentar unha moción para a promoción do uso das bicicletas como medio de transporte urbano. A bicicleta é un modo de transporte eficiente, que evita problemas de tráfico, permite o transporte sen procura de aparcadoiro e pode ser un importante aforro en gastos de transporte das persoas e/ou familias.

Ademais, hai que ter presente que en Pleno aprobáronse iniciativas para fomentar os camiños escolares seguros nos CEIP do noso concello e hai alumnos/as de Educación Infantil e Primaria que se trasladan –acompañados polas súas familias en moitos casos- en bicicleta aos centros escolares. Consideramos que cómpre estender este tipo de iniciativas ao alumnado que cursa os seus estudos nos IES de Xinzo de Limia, mediante o fomento do emprego da bicicleta entre os nosos xoves: “non só é unha cuestión de educación na sustentabilidade, senón tamén de educar en hábitos de vida saudables”, afirma Manuel Pérez Campos.

Do mesmo xeito, solicita que se contemple “a creación de carrís bici noutras zonas de Xinzo de Limia, tales como o paseo á beira do río ou a estrada de Baronzás. E crear unha rota de carrís bici para desprazarse ata os CEIP”.

Tamén indica que “a proposta que traemos hoxe aquí é de carácter local e facilmente realizable, cun investimento sinxelo e económico en infraestruturas, que se amortizarían sobradamente traducidas en aforro de enerxía, sustentabilidade urbana, redución da contaminación, fluidez do tráfico e sobre todo nun incremento da saúde física e mental da poboación”.

Por todo iso, o Grupo Municipal de Xinzo Adiante propón ao Concello Pleno para a súa aprobación iniciar os trámites para que o Concello de Xinzo de Limia deseñe un Plan para proxectar un carril bici desde o centro urbano ata a zona dos IES e CEIP da nosa localidade e que contemple a posibilidade da creación dunha rede local de carrís bici; a potenciación do uso da bicicleta mediante campañas de sensibilización e que o Concello de Xinzo de Limia se dirixa ás administracións titulares das vías onde se propón a creación de carrís bici, para iniciar os trámites e solicitar as autorizacións precisas para podelos poñer en funcionamento.