domingo 29/11/20
Moción de Xinzo Adiante

Xinzo Adiante solicita que se cumpran os prazos do AVE

Tamén pide que se tomen medidas de control contra a praga da couza guatemalteca que afecta á pataca.

Xinzo Adiante vén de presentar dúas mocións para debater no vindeiro Pleno municipal sobre dous temas que afectan directamente a Galicia e, singularmente á nosa comarca: a chegada do AVE e a praga de couza guatemalteca que afecta á pataca.

Sobre a chegada do AVE, queremos denunciar a sistemática utilización política que PP e PSOE teñen feito deste tema no seu propio beneficio: cando Abel Caballero dicía no ano 1993 que por Galicia circulaban trens de alta velocidade; cando a Gran Coalición PP-PSOE (Pepe Blanco e Núñez Feijoó) pactaron a chegada do AVE para 2015; cando a ministra Magdalena Álvarez, referíndose ao “Plan Galicia de Mierda” datou a chegada do AVE en 2016; ou finalmente a Ministra que presumía de galega moi PPoppular, Ana Pastor, dixo que de todas todas chegaría no 2018... a única realidade é que todos mentiron. Mentres hai 25 anos que territorios do estado contan con trens de alta velocidade, aquí non hai nada. E temos que aturar a chantaxe do actual Ministro de Fomento quen nos di que ou Ourense ten un acceso do AVE cutre e de segunda ou se non que igual non chega ata o 2021 ou 2022.

Esta situación, as mentiras e as chantaxes son intolerables. Por iso esiximos que Xunta e Deputación fagan unha fronte común para que se manteña a variante de acceso a Ourense proxectada e se manteñan os prazos de chegada do AVE a Ourense fixados.

Sobre a chegada a Galicia da couza guatemalteca, cómpre dicir que é un problema que na nosa comarca pode destrozar o noso principal sector produtivo. Non pode ser que non haxa control sobre as explotacións para o autoconsumo máis alá de apelar á boa conciencia do agricultor; solicitamos que se controle a comercialización das sementes, os almacéns e se delimite a zona afectada pola praga para impedir que esta se estenda e se tomen medidas para o seu exterminio.

Fronte á ausencia de iniciativas dalgúns, a instrumentalización do Pleno que fai o goberno só para defender as Deputacións e reprobar concelleiros... aparece Xinzo Adiante como o grupo municipal que máis iniciativas ten presentado e, sobre todo, cousas que lles importan aos cidadáns. Somos a oposición que acabará por desaloxar do goberno ao bipartito formado polo actual Alcalde independente (Antonio Pérez) e o grupo do PP.

Comentarios