jueves 15/4/21
A subvención da Xunta ascende a 277.556 euros

Xinzo e Sandiás colaboran para activar un obradoiro de emprego que revalorice a Vía da Prata

As obras proxectadas na vila inclúen a mellora de pavimentación e accesibilidade no Camiño de Santiago e a rehabilitación dunha área degradada situada xunto ao Limia para convertela nun parque urbano

antigaescombreira
Alcalde de Sandiás e alcaldesa de Xinzo
[endif]-->

O Concello de Xinzo de Limia vén de solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha dun obradoiro de emprego na Vía da Prata do Camiño de Santiago e máis concretamente en Xinzo e Sandiás. Estes dous concellos unirán as súas forzas para implantar as políticas activas de emprego da Xunta de Galicia e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnos traballadores durante un período de tempo de nove meses. Ademais de favorecer á inserción laboral, a iniciativa pretende revalorizar esta parte do Camiño.

Son dúas as actuacións que o obradoiro de emprego levará a cabo na vila con oito traballadores dedicados á albanelería e outros tantos á xardinería. Trátase da mellora da pavimentación e accesibilidade no Camiño e a rehabilitación dunha área degradada á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar, para convertela en parque urbano. Na primeira inclúense os traballos para o arranxo da pavimentación coa substitución de lousas do parque do Pombal; a mellora das beirarrúas para facilitar a accesibilidade na rúa Ruta da Vía da Prata; o mantemento do xardín de flores no parque do Pombal e a plantación de árbores nas beirarrúas da rúa Rosalía de Castro. Ademais, plantéxase  a realización e mantemento do xardín de flores no parque do Pombal, determinando o estado sanitario das plantas, aplicando métodos de control sanitarios.

Para a rehabilitación da área degradada á beira do río Limia, que era unha antiga escombreira , proxéctanse obras para a construción dun novo servizo de esparcemento  dos peregrinos e unha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre, ademais da creación dun novo xardín. Estes traballos de rehabilitación están sometidos á autorización previa da Confederación Hidrográfica Miño Sil e nas dúas actuacións será necesario o informe e a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio, por ser Camiño de Compostela.

No concello de Sandiás os traballos consistirán, basicamente, na mellora do ornato público, adecuación das beirarrúas e labores de desbroce , poda a limpeza para adaptar as beiras do Camiño. A previsión é que se realicen traballos nos lugares de Vilariño das Poldras, Couso de Limia, Sandiás e Piñeira. Nos tramos do Camiño entre núcleos de poboación preténdese unha intervención forestal e de xardinería para a mellora do tráfico de peóns.

A subvención da Xunta ascende a 277.556 euros

O orzamento total para as dúas actuacións de Xinzo ascende a 15.001 euros. Está previsto que en Sandiás se actúe nos núcleos de poboación que atravesa o Camiño (Vilariño, Couso, Sandiás e Piñeira). O presuposto para os traballos neste municipio alcanzan a contía de 5.977 euros. Ambos concellos deberán financiar o 100 % das actuacións que se realicen no seu territorio, se ben a subvención da Xunta de Galicia corresponderase co custo salarial dos 16 alumnos, importe que ascendería a 277.556 euros.

Os participantes neste obradoiro de emprego serán desempregados maiores de 18 anos que recibirán un certificado, coa duración en horas da súa participación no programa, o nivel de formación teórico-práctica adquirido, os módulos formativos cursados e un diploma.