sábado 5/12/20

A Xunta cede o material de protección non empregado nas eleccións autonómicas aos 92 concellos da provincia

Cada un dos dezaseis da Limia recibirán o material que lle corresponda, para empregalo para a loita contra a covid19

A Xunta cederá o material protección non empregado nas eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo aos 92 concellos da provincia de Ourense.

Material de protecciónA Xunta aprobou un Protocolo de medidas de prevención ante a covid-19 para levar a cabo a xornada electoral, que incluía a achega por parte da Administración autonómica do material de protección necesario. Deste xeito, puxéronse a disposición dos electores en toda Galicia máis de 2,4 millóns de máscaras cirúrxicas, arredor de 43.000 botes de xel hidroalcohólico e máis de 47.000 pantallas faciais para os membros das mesas electorais. Tamén se adquiriron máis dun millón de luvas para persoas alérxicas ao xel hidroalcohólico e para levar a cabo o escrutinio trala votación.

O Protocolo para garantir unha votación segura, que contou coa supervisión das autoridades sanitarias, establecía o uso da máscara obrigatorio para os electores, polo que ás persoas que non a trouxeran do domicilio entregóuselles algunha das que estaban a súa disposición no local electoral, ademais de recordarlles que debían hixienizar as mans antes de facer entrega do voto empregando o xel hidroalcohólico dispoñible en todos os locais.

O uso da máscara tamén foi obrigado para os membros das mesas, aos que se lle facilitaron catro para cada un para poder renovalas, así como cunha pantalla facial e os produtos de hixiene para limpar as mans de forma frecuente.

Debido a que parte dos electores optaron por levar a súa propia máscara, existe material sobrante que se entregará agora ás entidades locais para que poidan distribuílo entre os seus veciños. Dáse así continuidade á cooperación da Xunta cos concellos, aos que nos meses máis duros da pandemia dotou das unidades de protección necesarias para os efectivos dos servizos municipais a través de varios repartos, ao igual que aos centros sociais e residencias.

Por outra parte, en canto ás actuacións relacionadas propiamente coa xestión da xornada electoral do 12 de xullo, cómpre recordar que a Xunta formou e habilitou un equipo de persoas que inspeccionaron os 2.400 locais electorais que hai en Galicia ata en dúas ocasións antes da xornada electoral; e que dispuxo persoal en todos os locais durante a propia xornada para que axudaran a que se respectaran todas as medidas sanitarias, como o uso de máscaras, distancia de seguridade e hixiene de mans.

A Xunta puxo, ademais, a disposición de todos os locais electorais todo o material de protección necesario, así como a cartelería na que se explicaban todas as recomendacións sanitarias que había que manter. Tamén se intensificou a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada electoral

A Xunta cede o material de protección non empregado nas eleccións autonómicas aos 92...