A XUNTA CLAUSURA OS SEMINARIOS DE MELLORA DAS TÉCNICAS DE PRODUCIÓN DA PATACA EN XINZO DE LIMIA

Balseiros_clausura_seminario_pataca
A XUNTA CLAUSURA OS SEMINARIOS DE MELLORA DAS TÉCNICAS DE PRODUCIÓN DA PATACA EN XINZO DE LIMIA

Os seminarios contaron con charlas e mesas redondas nas que participaron diversos expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe a clausura do seminario de mellora das técnicas de produción da pataca que tivo lugar en Xinzo de Limia. As xornadas foron organizadas pola Consellería do Medio Rural e dividíronse en catro días de seminario -dous en Coristanco a principios de semana e outros dous en Xinzo- que rematan hoxe.

O obxectivos destes encontros foi o de reflexionar sobre as técnicas de cultivo de pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos entre Galicia e a Bretaña francesa, ao tempo que se buscou establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos e instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e comercialización. Ademais, cabe sinalar, que a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, comercializou no ano 2021 máis de 6.000 toneladas e obtivo un valor económico de máis de 3 millóns de euros.

Así, os seminarios contaron con charlas e mesas redondas nas que participaron expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa. No primeiro día abordáronse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. Tamén se intercambiaron experiencias entre o cultivo da pataca na Bretaña e nas respectivas comarcas e visitaranse diferentes parcelas co fin de adquirir novos coñecementos.

Por outra banda, no segundo día tratáronse temas como o plan de fertilización da pataca, o tratamento e coidados das plantacións ou o uso dos fitosanitarios. Ademais, houbo unha mesa redonda na que participaron produtores tanto da Bretaña como locais e posteriormente fíxose unha visita de estudo sobre o almacenamento e conservación da pataca.