martes 15/6/21
O prazo de execución será de 6 meses

A Xunta investirá na estrada dende V.de Santos a Celanova mais de 700.000 €

Os traballos desenvolveranse nos concellos de Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, A Bola e Celanova

108

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras reforzo de firme na estrada OU-531 ao seu paso polos concellos ourensáns de Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, A Bola e Celanova, que contarán cun orzamento de máis de 765.000 euros. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Alicia López Miguez, trasladouse esta mañá ata o municipio da Bola, no que se prevén as actuacións máis importantes, e informoulles aos alcaldes dos 6 concellos beneficiados por este proxecto, en que van consistir as actuacións proxectadas.

Este proxecto ten por obxecto a rehabilitación do firme en puntos localizados mediante solucións baseadas no fresado e reposición ou extensión de microaglomerados, segundo as necesidade de cada subtreito. Levaranse a cabo  nos seguintes treitos:

-PK 4+500 a 7+600 (inclue as travesías de Vilariño de Santos e Vilar de Santos): rehabilitación  do firme nos puntos que presentan deformacións (só reparacións localizadas)

-PK 15+050 a 15+780: corrección do peralte de dúas curvas no alto do Furriolo, estendendo unha nova capa de rodadura

-PK 20+300 a 23+450 (xusto antes do inicio da travesía de Celanova): reparacións puntuais nos primeiros 600 m, e reparacións mais nova capa rodadura en toda a sección transversal entre o PK 20+900 e o 23+450.

-PK 23+600 a 25+000 (travesía de Celanova): rehabilitación localizada do firme .

O concello no que se prevén as actuacións máis importantes é o da Bola, no que se proxectan traballos por un importe de case 289.000 euros; en Celanova executaranse obras   cun presuposto de preto 205.000 euros; no municipio de Rairiz de Veiga o importe das obras cífrase en pouco máis de 180.000 euros; polo que respecta ás obras do treito da estrada que pasa polo concello de Vilar de Santos o seu investimento acada case os 82.000 euros; mentres que en Sandiás o orzamento das obras supera os 8.500 euros.

Plan de Reforzos de firme

109Nesta estrada OU-531, o ano pasado o departamento dirixido por Ethel Vázquez  xa executara dous tramos, no alto do Furriolo e na travesía de Celanova, cun investimento de 100.000 euros .

Estas actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mellorará case 700 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, cun orzamento de 20 millóns de euros.

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias. 

Comentarios