jueves 3/12/20

XUNTOS!!!

O dendealimia é noticia

Si, non lle imos negar que o titular coloca a moitas das mentes dos nosos lectores nos primeiros compases dun dos moitos éxitos de Juan Pardo, que máis tarde acabaría sendo a banda sonora das campañas do vilalbés e difunto presidente fundador do Partido Popular, Manuel Fraga Iribarne. Pero, non nos poderán negar que só escoitar esas primeiras notas da gaita xera un remuíño no interior de cada un de nós que nos impide renunciar ás vantaxes que supón sumar por enriba de dividir, por moito que se teña multiplicado antes.

índice

Noelia Caseiro, Lara García e Xosé Lois Colmenero únense ao equipo de dendealimia (Foto: Noelia Caseiro)

Esa é a filosofía, a da letra de Pardo, e tamén a do acordo ao que chegou este xornal, Dende A Limia, un dos primeiros da provincia en apostar polo local e darlle carácter de prioridade informativa a unha comarca tan punteira como é a limiá; co seu veciño e amigo Diario do Támega.

Dende o vindeiro 1 de agosto, tres novos profesionais, un deles vinculado de xeito moi directo ás terras de Monterrei, incorpóranse ao equipo da redación de Dende A Limia, co único obxectivo de facelo medrar en contidos, información veraz e número de lectores, pero sen perder de vista cales son os seus límites, que non son outros que os que traza no mapa de sempre a comarca da Limia con todas as súas benqueridas terras veciñas.

Máis información, máis crónica, máis crítica, máis deporte, máis lecer, máis cultura, máis, en definitiva, vida reflectida nun xornal que naceu, medrou e farase adulto sen fuxir do seu propósito fundacional: contar o que lle interesa ás xentes de Antela.

Agardamos que se manteñan connosco, que nos sigan acompañando, criticando -para que así podamos mellorar-  sen esquecer que sempre estaremos ao carón do que máis nos importa: vostede