lunes 28/9/20
A dirección do centro advertiu que dimitiría e mesmo non comezarían o curso sen máis docentes

A Consellería de Educación recúa e incorporará os tres novos mestres no IES Cidade de Antioquía

As tres prazas docentes que se pedían desde o IES Cidade de Antioquía do concello de Xinzo quedarán cubertas despois do anuncio da Xunta de Galicia da contratación de miles de mestres. 

IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia (Ourense). | FOTO: Noelia Caseiro.
IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia (Ourense). | FOTO: Noelia Caseiro.

A Consellería de Educación dá luz verde a cubrir as tres prazas docentes necesarias do IES (Instituto de Educación Secundaria) Cidade de Antioquía para o inminente inicio de curso. 

Así o confirma o propio centro educativo na súa páxina, pondo de manifesto que todo o persoal traballa para facer posible xa o cumplimento do protocolo establecido. 

Despois da presión exercida, tanto pola comunidade educativa coma por varias corporacións municipais, como no caso do Concello de Xinzo de Limia coa moción de urxencia aprobada por maioría, a Xunta de Galicia cedeu ante a contratación de preto de 2.000 novos docentes. 

Con esta medida espérase que todos os centros de carácter público conten coa cantidade de persoal docente necesario para poder atender e levar a cabo correctamente todas as medidas protocolarias para a educación en tempos da COVID-19

Desde o equipo directivo e todo o persoal que conforma o IES Cidade de Antioquía quíxose dar as grazas a todos os que apoiaron e reivindicaron, dunha forma ou outra, a súa loita.

O curso escolar 2020/2021 poderá dar comezo, nas novas datas sinaladas pola Consellería, en todos os centros educativos incluído o centro de Educación Secundaria e Formación Profesional do concello de Xinzo de Limia. 

Comentarios