martes 21/9/21

A aceleradora de emprego de Xinzo permitirá que 500 emprendedores poñan en marcha o seu proxecto

EMPREGO

   As persoas que estean pensando en por en marcha o seu proxecto empresarial teñen a oportunidade de recibir información de balde no novo espazo que acolle a Casa da Cultura de Xinzo. Trátase dunha aceleradora de emprego que busca impulsar o reequilibrio da actividade empresarial sobre territorio. 

Este espazo denominado "coworking" contempla accións como a cooperación con todas as entidades que traballan no eido da formación e o asesoramento para a posta en marcha dos mellores proxectos, que serán titorizados por expertos na primeira fase.

Isto é posible grazas a un acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Escola de Organización Industrial (EOI). O financiamento do proxecto suporá dunha achega conxunta de 4.8 millóns de euros, dos cales a Xunta porta 960.000 a través do IGAPE. O resto é aportación da EOI contando coa cofinanciación do Fondo Social Europeo. 

O da Limia é un dos seis espazos para potenciar o traballo dos emprendedores por toda Galicia. O resto de sedes atópanse en Celanova, Cabana de Bergantiños, Monforte, Mondoñedo e Ferrol.

Nos vindeiros días coñecerase o horario de actividade desta aceleradora de emprego que estará vixente por un periodo de 2 anos. 

Comentarios