sábado 8/8/20

ADEGAL AGRADECE O APOIO DE FORZAS POLÍTICAS E ECOLOXISTAS URXINDO Á XUNTA E DEPUTACIÓN A UNHA SOLUCIÓN PARA A PLANTA DE RESIDUOS GANDEIROS.

As  Administracións autonómica e provincial deben adoptar medidas que permitan reabrir a planta, que cumpre un papel fundamental para a protección do medio na Limia

ADEGAL agradece o apoio que as forzas políticas, organizacións ecoloxistas ourensás e o persoal laboral da planta están a manifestar para pedir á Xunta e á Deputación  que adopten medidas dirixidas a lograr a reapertura da planta de tratamento de residuos gandeiros situada en Sarreaus, que tivo que pechar como consecuencia do decreto enerxético que a converteu en inviable economicamente.

ADEGAL reitera a súa preocupación polo coidado ambiental da zona e sostén que o mellor modo para compatibilizar a actividade produtiva co respecto ó entorno é manter a planta en funcionamento, xa que permite o tratamento dos residuos co mínimo impacto no medio. De feito, durante os sete anos de funcionamento da planta, xa quedou demostrado que se trata da mellor solución, xa que a devandita planta conta con tecnoloxía da máis innovadora de Europa no tratamento de residuos, que permitía reciclar 110.000 toneladas de xurros ó ano, transformándoas en abono orgánico idóneo para uso agrícola.

Por elo, destácase o apoio manifestado polo alcalde de Xinzo, así como outras forzas políticas como o PSOE, organizacións ecoloxistas ourensás e o persoal laboral da planta e ínstase á Xunta e Deputación a adoptar medidas que permitan volver a poñer en funcionamento a mencionada planta.

Non obstante,  dende ADEGAL, como representación dos produtores reitérase que a planta debe reabrir para permitir a reciclaxe de residuos e compatibilizar así a actividade produtiva co coidado ambiental, recordando a importancia vital que o sector agrícola e gandeiro ten na economía da zona, xa que del

dependen directamente numerosas familias, ademais de xerar múltiples empregos de modo indirecto. De feito, un 25% dos afiliados á Seguridade Social na zona están directamente vinculados ó sector primario. Así mesmo, dentro da gandeiría, destaca a actividade de porcino, que supón o 50% do total de cabezas da provincia de Ourense, así como o 37% das aves, o 24% dos ovinos, o 22% das coellas nai, o 20% dos bovinos e o 11% dos equinos. Agricultura e gandeiría xeran un amplo tecido empresarial consolidado e supoñen unha importante fonte de riqueza para a comarca.

Comentarios