martes 1/12/20

O alcalde reúnese con membros do Padroado da Fundación Carlos Casares

Primeira reunión preparatoria do Día das Letras Galegas 2017.

Na mañá do venres, o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, e o concelleiro de Cultura, Luís Miguel Gil, reuníronse nas dependencias do conssitorio cunha representación do Padroado da Fundación Carlos Casares encabezada polo seu presidente, Xavier Casares Mouriño –e a quen acompañaban Hakan Casares Berg, administrador, e Gustavo Adolfo Garrido, secretario–.

Durante o encontro, abordouse a colaboración do Concello de Xinzo de Limia no programa de actividades do Ano das Letras, no cal a vila limiá terá unha especial relevancia xa que nela se celebrará, como xa anunciara Xavier Casares, o acto central do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

O alcalde acolleu con interese os plans presentados pola Fundación, e ofreceu a maior e máis estreita colaboración do consistorio no seu desenvolvemento. A vila e o seu Concello, que desde o ano pasado forman parte do Padroado da Fundación, están ilusionados coa perspectiva dun ano cheo de actividades nas que revivirán a figura e a obra do seu veciño. 

Antonio Pérez mostrou especial interese nos argumentos de Xavier Casares encol do proxecto da Fundación de atopar unha sede definitiva onde depositar, ao remate do ano, a exposición itinerante que están a preparar; sede que funcionaría como Museo Carlos Casares e que recollería a totalidade dos obxectos persoais, documentos e coleccións do escritor, garantindo así o acceso público continuado.

Comentarios