domingo 20/6/21

ANOVA da Limia , denuncia que o concello non lle da información sobre a nova aula da gardería

No comunicado adxunto quere expresar a súa postura e o traballo que está a levar para esclarecer a situación da...

Manuel Perez Campos representante de ANOVA

No comunicado adxunto quere expresar a súa postura e o traballo que está a levar para esclarecer a situación da aula nova da “Galiña Azul”

Ante as declaracións dos representantes das familias no Consello Escolar da Escola Infantil de Xinzo de Limia “A Galiña Azul”, amosando as súas dúbidas sobre a seguridade e legalidade da nova aula que o Concello habilitou no centro e que presuntamente se pretende abrir en breve espazo de tempo, ANOVA da Limia, mediante este comunicado, quere amosar todo o seu apoio ás familias usuarias da Escola Infantil de Xinzo de Limia e, especialmente, aos representantes das nais e pais no Consello Escolar do citado centro. Do mesmo xeito, compartimos a súa preocupación ante o descoñecemento de cal é a situación legal, así como as condicións de seguridade e idoneidade para funcionar como unha aula educativa para nenos/as, da nova aula que se habilitou durante o mes de agosto e que aínda non está en funcionamento. Ademais, queremos sinalar que dende ANOVA da Limia estamos tratando de facer todo o posible por coñecer, non só a situación legal desa nova aula, senón tamén comprobar que se realizaron os trámites oportunos –establecidos pola lei- en forma e prazo, antes, durante e despois de que se acometese a citada obra. Neste senso, queremos comunicar que o pasado mércores, 17 de setembro, o concelleiro de ANOVA na Corporación de Xinzo, Manuel Pérez Campos, solicitou por escrito no Concello ver a documentación en relación a esta obra. A día de hoxe, transcorridos 9 días, aínda non se procedeu por parte do grupo de goberno do PP a amosarlle a citada documentación, nin sequera se lle dixo en que momento poderá consultar o expediente desa obra. Ante esta situación, queremos poñer en coñecemento dos cidadáns e cidadás de Xinzo de Limia que dende ANOVA da Limia volveremos insistir na nosa petición de consultar os documentos requiridos ao Concello, para podermos quedar tranquilos e comprobar que a nova aula que se pretende abrir cumpre con todos os requisitos de seguridade, equipamento e construción establecidos na lexislación vixente. Consideramos que os nenos/as de Xinzo son o futuro da vila, o ben máis prezado que temos, e queremos asegurarnos de que non corre ningún tipo de risco a súa integridade física. Do mesmo xeito, instamos ao Concello a que realice a ampliación do citado centro educativo nas condicións óptimas, tal como estaba proxectado e mesmo orzamentado anteriormente. A finca que hai pegada ás actuais instalacións da citada escola é de titularidade municipal. Nun principio estaba proxectada a ampliación do centro nesa parcela e agora semella que se desiste de realizala, non entendemos por que razón. Cremos que o goberno municipal do PP está, non só traizoando á cidadanía ao incumprir os seus compromisos electorais, senón privando aos cativos do Concello e ás súas familias de poder gozar dunha Escola Infantil con espazo suficiente para todos os nenos e nenas que o precisen e nas condicións mínimas establecidas na lexislación vixente. Denunciamos tamén o escurantismo co que o PP está a levar este asunto. Non se entende por que motivo non se informa, non xa a este concelleiro da oposición, senón que nin aos propios representantes dos pais e nais no Consello Escolar do centro, non amosándolles a documentación que solicitaron ver –tal e como eles afirman- na última reunión do citado órgano da Escola Infantil, e como veñen de manifestar nos medios de comunicación. O alcalde –máximo responsable da vila- e o concelleiro competente na materia deberían ser conscientes de que coa súa postura, non informando e poñendo á disposición da cidadanía o expediente das obras realizadas, están alimentando o medo e as dúbidas entre os pais e nais dos cativos que acoden a ese centro educativo. Finalmente, dende ANOVA da Limia queremos transmitirlle ao pobo de Xinzo que continuaremos a traballar polo benestar de todos os veciños e veciñas e, especialmente, dos máis vulnerables, como neste caso son os nenos e nenas.

ANOVA da Limia , denuncia que o concello non lle da información sobre a nova aula da...
Comentarios