viernes 24.01.2020
PRESENTOUSE NA CASA DA CULTURA DE XINZO COMO REMATE O 100 ANIVERSARIO DO CLUB

O Antela xa ten o seu libro para a historia

100 anos do Antela Fútbol Club recollidos nun libro de Edelmiro Martínez Cerredelo

Iniciou o acto o presidente do Antela, Pepe Pérez, quen quixo remarcar que dende un primeiro momento a idea do autor lle parecera perfecta posto que “Xinzo é unha zona na que se vive moitísimo o fútbol, hai unha paixón polo Antela e estamos convencidos de que o libro é e será un éxito”. Agredeceu ademais de a Miro, do que destaca o seu grande traballo, á colaboración por parte dunha serie de persoas e entidades como o Concello, na figura da súa alcaldesa Elvira Lama; á Xunta de Galicia; ao deputado Carlos Gómez; empresas como a xestoría Xiama, o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, a farmacia e óptica Prieto Vivanco; e a todos os compradores do libro e os alí presentes.

Posteriormente, o presidente dedicou algúns minutos ao recoñecemento do traballo que se leva a cabo cada día dende a directiva: “estamos traballando todos os días para facelo o mellor que sabemos” e remarcou algúns logros como os 600 socios que nunca antes se conseguiran, a creación dun himno para o club, entre outros.

Continuou coa quenda de palabra o escritor Antón Riveiro Coello, quen afirmou estar alí presente como xogador do Antela. Encheuse en eloxios tanto para o club como para o autor do libro, Edelmiro Martínez, pola súa labor como historiador ao longo de tantos anos, remarcando a súa “ilusión por seguir construíndo”. Para Riveiro Coello o fútbol significa moito máis cun deporte, tal e como deixou claro nas múltiples anécdotas que contou na Casa da Cultura de Xinzo, tales como o grande regalo que supuxo a súa primeira entrada para ver un partido do Celta, ou o libro que firmaron algúns dos seus xogadores. Finalizou a súa intervención dándolle os seus parabéns a Edelmiro e coa esperanza de que o Antela “cumpra cen anos máis”.

miro 1miro 2MIRO3

Finalmente, o historiador e autor do libro, Edelmiro Martínez Cerredelo quixo explicar brevemente como naceu a idea do libro, ao atopar os documentos que afirmaban que en 1919 o Antela xa existía como club e como quixo participar na creación dalgo polo seu centenario, posto que son moi poucos os equipos que teñen unha historia tan longa. Recoñeceu o gran traballo que tivo que levar a cabo durante dous meses de moito estrés e explicou como recolleu toda a información, así como deu as gracias a todos os que lle facilitaran recortes ou fotografías; e ás persoas e empresas colaboradoras nun proxecto no que todos os ingresos van a Caixa do Antela Club de Fútbol, sendo, en palabras do propio autor “a mellor entrada da temporada”.