lunes 28/9/20
O importe, en forma de tarxeta regalo, provén dos fondos da asociación

Algaria doa 500 euros ó recén creado Banco de Alimentos de Xinzo

A crise sanitaria e económica provocada pola pandemia dificulta aínda máis a situación dalgúns veciños do municipio: con esta axuda, Algaria pretende colaborar co Concello de Xinzo na cobertura de necesidades básicas.

Algúns dos representantes de Algaria reunidos coa alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, con motivo da doazón de 500 euros realizada pola asociación. | FOTO: Cedida.
Algúns dos representantes de Algaria reunidos coa alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, con motivo da doazón de 500 euros realizada pola asociación. | FOTO: Cedida.

A organización Algaria realizou, nos últimos días, unha doazón por valor de 500€ ó Banco de Alimentos de Xinzo de Limia. A decisión responde a unha análise, por parte da directiva da entidade, da situación de vulnerabilidade á que se enfrontan os veciños do Concello de Xinzo, agravada pola crise sanitaria, social e económica que deixou a pandemia da COVID19.

A "Asociación para persoas con discapacidade da comarca da Limia" xa colaborou en garantir a seguridade das persoas, durante o confinamento e na "nova normalidade", entregando máscaras FFP2 e xel desinfectante a quen o precisaba.

Esta nova aportación, en forma de tarxeta regalo, provén dos fondos propios da entidade: corresponde ás cuotas achegadas polas persoas socias no ano 2020 e ó recaudado para actividades de ocio e tempo libre que, dadas as circunstancias, non se poderán realizar.  

Algaria é unha organización sen ánimo de lucro, constituída o 17 de xuño do ano 2010, co fin de dar resposta ás necesidades da poboación con algún tipo de discapacidade física, na comarca da Limia.

A asociación promove a plena integración escolar, laboral e social das persoas con algún tipo de discapacidade, entre outras cousas, potenciando a participación de todos os membros nas actuacións do colectivo. Sen transmitir mensaxes paternalistas ou asistenciais, pretende axudar a crear as condicións para que os seus socios poidan perseguir a súa propia defensa como titulares de dereitos.

Comentarios