miércoles 30/9/20
Unha consulta solicitada vía telemática este venres obtivo cita para o vindeiro 28 de agosto ao mediodía

Ata unha semana de espera para acudir ao médico de cabeceira no centro de saúde de Xinzo

A política sanitaria do Sergas, xustificada recentemente pola crise do COVID, está levando a que usuarios do centro de saúde de Xinzo de Limia agarden para seren consultados polo seu médico de cabeceira ata sete días. Esta mesma mañá, unha consulta solicitada para a primeira hora obtivo cita para o vindeiro venres 28 de agosto. 

Centro de saúde de Xinzo de Limia, na rúa Ladeira da vila antelá. | FOTO: Noelia Caseiro.
Centro de saúde de Xinzo de Limia, na rúa Ladeira da vila antelá. | FOTO: Noelia Caseiro.

Unha sinxela afección bucal ou unha otite, sen maior tratamento que un antiinflamatorio ou, no peor dos casos, un antibiótico para conter e erradicar a infección pode supor, no centro de saúde de Xinzo, ter que agardar ata unha semana se é que a cita se solicita de xeito telemático. Ou máis. Porque, por indicacións do Servizo Galego de Saúde, todas as consultas obtidas por este método -e coa pandemia como xustificación- son todas telefónicas, circunstancia que pode incluso alongar a data para que o paciente logre ser visto por un galeno. 
A comprobación fíxoa este medio esta mesma mañá. Unha doutora, María José, tiña os primeiros ocos libres para o vindeiro 28 de agosto, é dicir, sete días despois de ter solicitada a cita. Algunhas das súas compañeiras non lle van moito menos á zaga: a doutora Cristina tiña ocos libres o mércores 26, mesma xornada ata a que terían que agardar os usuarios do Sergas adscritos ao cupo da doutora Alicia, compañeira da anterior no centro de saúde da capital antelana. 

A situación está a provocar un notable malestar entre os usuarios do centro de saúde, aínda que a maioría dos consultados optan por non realizar reclamación algunha. O periodo de tempo que algúns deles deben agardar incluso se incrementa nun ou dous días máis. O procedemento que seguen os facultativos, seguindo as indicacións do Sergas, é a de realizar unha chamada ao paciente e valorar, na mesma, se é preciso que pasen consulta presencial. No caso de que así sexa, o enfermo deberá de solicitar unha nova cita, agora xa presencial, contando coa autorización do seu médico de cabeceira. 

Ante esta situación, aqueles administrados máis impacientes optan, no peor dos casos, pola automedicación ou mesmo por seguir o consello dalgunha farmacéutica de confianza. Os menos, arriscan a usar o servizo de Urxencias do centro médico para unha doenza que, con outra política sanitaria, non sería propia de ser atendida polos profesionais do punto de atención continuada (P. A. C. ).

Protestas tamén en Verín


Segundo publica Diario do Támega, no val de Monterrei, as voces contra a política sanitaria do Sergas tamén comezan a escoitarse. Alí, unha paciente vén de presentar unha reclamación ante a dirección do centro de saúde da vila verinense porque un facultativo lle recriminou o ter ido ao ambulatorio: "Se poideche aguantar unha noite con molestias, ben poideche aguantar uns días máis", lle dixo, segundo a afectada. 

Comentarios