sábado 31/10/20

Carlos Gómez: “O Entroido limiao máis auténtico vívese nas mañás dos días grandes”

O concelleiro de Cultura de Xinzo asegurou en Onda Cero que o Domingo Oleiro é unha das citas con máis resposta por ser unha tradición da que só se pode desfrutar na vila

REDACCIÓN

[email protected]

Carlos Gómez, edil de Cultura do Concello de Xinzo falaba esta mañá de Entroido nunha entrevista en Onda Cero, conducida por Paco Sarria. Unha tertulia na que o concelleiro popular quixo convidar a todo o que o desexe a achegarse ata a vila, en calquera dos días do que é o ciclo de Entroido máis largo de Galicia. Pero Gómez falou especialmente das mañás dos días grandes e do Domingo Oleiro. “En Xinzo vanme matar por revelar isto, pero a verdadeira esencia do Entroido limiao, cando os veciños realmente o viven, é polas mañás”, asegurou. O motivo de que isto aconteza é que o resto do tempo, “a masificación é tal, que as bromas entre os locais e a súa forma de desfrutar a festa, fúndese na multitude e apréciase menos”.

O Domingo Oleiro converteuse nos últimos anos, segundo o responsable de Cultura, nunha das “citas con máis resposta por parte do público”, seguramente sexa porque hoxe en día é unha tradición que soamente se pode ver en Xinzo. “Os farelos, o meco, son elementos que tamén existen noutros Entroidos da provincia, pero os xogos cas olas só perviven na nosa vila”, explicáballe Gómez a Sarria, cando o xornalista lle preguntou cales serían os días ineludibles para o turista no Entroido limiao.

Carlos Gómez quixo salientar tamén o importante impacto económico que o Entroido ten en Xinzo: “temos milleiros de visitantes que tamén veñen a desfrutar dos nosos marabillosos establecementos comerciais e hostaleiros, polo que  esta festa é un recurso económico que hai que ter moi en conta e saber quitarlle rendemento”.

Un Entroido de rúa

O que si reiterou este político limiao foi “a singularidade” do Entroido de Xinzo. Unha singularidade que vai da man ca súa máscara tradicional, a Pantalla. Isto provoca, segundo o entrevistado que esta festa se viva “na nosa vila con moita máis intensidade do que se vive nas grandes cidades”. Unha Pantalla “que costa moito sacar de Xinzo, vestila noutro lugar que non sexa a Limia” por que a súa función básica, segundo Carlos Gómez, “non é desfilar nin lucirse, senón convidar á xente a que se involucre na festa, porque o Entroido limiao, é un Entroido de rúa”.

Así mesmo, o edil quixo aclarar que a Pantalla é unha máscara “cunha longa tradición e uns canons”, o que “non fai doado que alguén que non sexa limiao a vista”. Máis aló da polémica, Gómez quixo interpelar ao respecto: “se non respectamos a tradición, esta vai dexenerándose e acabaría por perdese”.

A festa máis grande dos limiaos e limiás dará inicio en algo máis de dúas semanas, o vindeiro 8 de febreiro co Petardazo, así que a conta atrás xa comezou!

Comentarios