domingo 24/1/21

CIG: “Conseguimos anular unha inxusta decisión do Concello de Xinzo dirixida a lanzar unhas oposicións á carta”

O sindicato deu a coñecer a sentenza do TSXG sobre o recurso interposto contra a RPT despois da reunión da Mesa Xeral de Negociación desta mañá

REDACCIÓN

[email protected]

Twitter: @Dendealimia

A Confederación Intersindical Galega daba a coñecer esta mañá, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o recurso que interpuxera contra a Relación de Postos de Traballo Municipal (RPT) aprobada polo consistorio limiao no pleno do 27 de decembro de 2012. A resolución xudicial opta por anular este acordo por “violación do dereito de liberdade sindical e negociación colectiva”, o que a CIG considera unha vitoria: “Conseguimos anular unha inxusta decisión do Concello de Xinzo dirixida a lanzar unhas oposicións á carta e menoscabar os dereitos do persoal do Concello”.

Ademais da RPT, o xuíz Benigno López considera tamén inválida a proposta de actuación prioritaria en materia de racionalización e regulación do persoal municipal, e as Bases de Contratación. Así, desde o sindicato aseguran ter “botado abaixo toda a arquitectura argumental construída polo alcalde para reducir o salario do persoal”.

O próximo paso da CIG será “denunciar a discriminación que supón a redución salarial do persoal”. Así o deixaba claro esta mañá, trala reunión da Mesa Xeral de Negociación, integrada polo grupo de goberno e os representantes sindicais para tratar o orzamento de 2014.

Comentarios