jueves 02.07.2020
Carlos Casares

Comezan os actos do Día das Letras coa presentación do libro "Á marxe do Limia"

O Auditorio da Casa da Cultura de Xinzo acolleu a presentación dos artigos "Á marxe do Limia" escritos por Carlos Casares en La Voz de Galicia.

De esquerda a dereita Francisco Castro, Delfín Caseiro, Antón Riveiro e Carlos Gómez.
De esquerda a dereita Francisco Castro, Delfín Caseiro, Antón Riveiro e Carlos Gómez.

Pasadas as 20:00 horas desta tarde de martes comezaban os actos centrais da celebración do Día das Letras Galegas en Xinzo de Limia, adicado a Carlos Casares. E facíao coa presentación da primeira edición dos artigos "Á marxe" que Casares publicaba en La Voz de Galicia con periodicidade practicamente diaria –e durante case 10 anos–. Foron centos os artigos publicados polo autor limián, mais esta edición recolle só 100 deles. E desta volta –e a modo de homenaxe– a Editorial Galaxia recólleos todos na edición dun libro cua coordinación correu a cargo dos tamén escritores limiáns Delfín Caseiro e Antón Riveiro Coello.

Os responsábeis da edición foron Delfín Caseiro e Antón Riveiro Coello.

A presentación foi dirixida polo concelleiro de Turismo –e parlamentario– Carlos Gómez. Tralo agradecemento de Gómez, tomou a palabra o recentemente escollido novo director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, quen eloxiou a literatura de Casares e o amor que este profesaba á súa terra nos seus textos. "Hoxe Carlos tería unha actividade moi intensa en redes sociais", comentou Castro. Así mesmo, agradeceu a proposta do Concello de Xinzo, pois "cando desde o concello se nos formula a posibilidade de editar este libro, para nós foi un agasallo", afirmou.

IMG_5284

Delfín Caseiro, un dos responsábeis da edición xunto con Riveiro Coello, sinalou que a idea inicial era "xuntar todos os artigos que facían referencia á comarca da Limia, mais facíase moi externo pois eran máis de 350". Necesariamente, xa que logo, e segundo comenta Caseiro, houbo que facer unha selección. Mais el mesmo recoñece que poida que no futuro sexa preciso facer unha edición deses artigos completos referidos á Limia. Cando Delfín afirma que "todos os seus textos, mesmo os xornalísiticos, son literarios", Francisco Castro asinte sorrinte.

Os editores recoñeceron a enorme dificultade que tiveron para escoller os 100 artigos que o libro recolle.

Cedeu Delfín a palabra a un Antón Riveiro recén chegado de Bos Aires. Alí estivo "presumindo de galego, limián e veciño de Casares". "Os que sodes de XInzo non sabedes o tesouro que tedes entre as mans", comezou dicindo Riveiro. Comenta que nesa selección de textos atópase a historia desta vila, con rostros e vivencias que constitúen a "nosa memoria colectiva". Recoñecen que o título "Á marxe do Limia" vén a conto polo feito de que ao descartar artigos, recoñece Antón que "excluíron os textos referentes a outras zonas da comarca" mantendo "só os de Xinzo". Fixo fincapé na enorme dificultade que tiveron á hora de realizar a escolla dos artigos.

Comentarios