martes 4/8/20
A Limia xa conta cun deputado no Hórreo

O limián Carlos Gómez, novo deputado no Parlamento Galego

O nomeamento pordúcese tralo anuncio de continuidade de Rodríguez Miranda como Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

No novo deputado, Carlos Gómez.
No novo deputado, Carlos Gómez.

O concelleiro de Turismo, Comercio, Promoción Económica e Facenda do municipio de Xinzo de Limia converterase en deputado autonómico nas próximas horas, logo de que a Xunta de Galicia confirmase, cun Decreto de Vicepresidencia, o nomeamento –repetindo no cargo– de Antonio Rodríguez Miranda á fronte da Secretaría Xeral de Emigración.

O edil popular da Limia, que ocupara o posto número 11 da lista provincial do Partido Popular de Galicia nos pasados comicios galegos do 25 de setembro, xurará o cargo no próximo pleno do Parlamento Galego e incorporarase ao traballo parlamentario dentro do grupo popular. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmaba o nomeamento no día de hoxe a través dunha parabenización a Gómez na súa conta de Twitter. 

 

Pola súa parte, Miranda converterase no segundo deputado pola circunscripción de Ourense en deixar o seu escano logo de que a que fóra cabeza de lista, Marisol Díaz, fose tamén nomeada Delegada da Xunta en Ourense, deixando o seu oco ao número 10 da lista dos populares, Antonio Mouriño.

O concelleiro de Turismo ten manifestado nas últimas semanas a súa intención de continuar coa súa acta de edil no consistorio limián, que a lei permite compatibilizar co cargo de deputado autonómico, ante o máis que previsible novo cargo, que xa adiantaramos dende este xornal. 

Carlos Gómez Salgado, nado en Xinzo de Limia no 1960, é técnico especialista en prótesis dentais e diplomado en Hixiene Dental. Na actualidade é responsable do departamento de prótesis dental no centro de especialidades de Xinzo de Limia. De 2012 a 2015 foi concelleiro de Cultura no mesmo municipio e, dende o 2015, é concelleiro de Economía e Facenda, Turismo, Comercio e Promoción Económica na capital da Limia. Foi, xunto co presidente provincial de Novas Xeracións, José Antonio Parente, o único limián presente na lista electoral do PPdeG nas eleccións galegas do mes de setembro. Agora unirase aos outro 40 deputados populares da vella Escola de Veterinaria, o Pazo do Hórreo.

Comentarios