martes 21/9/21

O Concello traslada á Xunta a problemática do sector agrogandeiro e busca a súa implicación para actuacións “de necesidade imperiosa”

Por vía telemática, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, detallaron o proxecto para a construción dunha planta de xestión de plásticos agrícolas nunha parcela do parque empresarial

Medio Rural
Amador Díaz e Elvira Lama

Co fin de tratar temas de gran importancia, non só para o concello de Xinzo, senón para a toda comarca da Limia, mantiveron esta semana unha reunión a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, e o conselleiro de Medio Rural, José González. A través dunha sesión por videoconferencia, os representantes do goberno local presentaron varios dos proxectos que teñen en carteira, como a construción dunha planta de xestión de plásticos agrícolas nunha parcela ao aire libre do seu parque empresarial. A intención é que a instalación sexa un referente na reciclaxe deste tipo de residuos e opere como centro de recollida e tratamento de cinco clases de restos de plásticos agrícolas, que neste momento non teñen valoración.

Tal e como se especifica no anteproxecto desta planta de reciclaxe, a zona de oficinas e vestiarios se realizará cunha construción prefabricada de tipo modular. O centro de traballo será, maioritariamente, un espazo aberto. Ao mesmo tempo, a instalación ten que garantir uns accesos adecuados para que os vehículos, tanto de descarga como de recollida, non teñan dificultades á hora de realizar as operacións, permitindo a mobilidade no interior da planta de almacenaxe. Cómpre destacar que a parcela na que se prevé construír ten unha superficie de 2.979 metros cadrados, forma rectangular e accederase desde tres vías.

No encontro tamén se abordaron outras cuestións como a “necesidade imperiosa” de levar a cabo actuacións de mellora e acondicionamento de numerosas pistas agrícolas asfaltadas que se atopan en “lamentables condicións”. Tal e como explicaron ao conselleiro os representantes do executivo local, moitas destas pistas dan acceso a explotacións e outras a almacéns de produtos agrícolas con volume intenso de tráfico pesado. Será necesario un análise pormenorizado de todas as pistas do concello e establecer un nivel de prioridades para abordar a reparación por fases en distintas anualidades.

Os representantes do goberno local consideran que a reunión resultou moi produtiva para trasladar a problemática diaria do sector agrogandeiro, e confían en que tanto estes asuntos como os que están a ser tratados na Mesa da Limia merezan a implicación decidida da Xunta de Galicia.

O Concello traslada á Xunta a problemática do sector agrogandeiro e busca a súa...