miércoles 30/9/20
O convenio entre as dúas entidades terá unha duración mínima de catro anos

O Concello de Xinzo aposta pola inserción laboral da discapacidade cedendo unha aula a Cogami

A Confederación e o Concello de Xinzo de Limia veñen de asinar a cesión dunha aula municipal para colaborar, estreitamente, na defensa da inclusión socio – laboral do colectivo social.

Elvira Lama, con Manuel Queiruga, de Cogami, no despacho do Concello de Xinzo de Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.
Elvira Lama, con Manuel Queiruga, de Cogami, no despacho do Concello de Xinzo de Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, xunto con representantes do equipo de Goberno, fixo oficial este xoves a sinatura de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para a cesión dunha aula na Casa da Cultura. Á sinatura acudiu Anxo Queiruga, presidente de dita confederación, en representación da mesma.

Esta cesión realízase de xeito gratuíto por parte do Concello, o cal aposta firmemente pola inclusión social e laboral da discapacidade.

O obxectivo principal desta medida é acercar a todo o conxunto da comunidade o servizo de entrevistas e orientación laboral que oferta Cogami. Como se asegurou, contará cunha duración de catro anos durante os cales se atenderá ao público de 9:00 ás 14:00 horas.
 

A entidade quere acadar a reivindicación do dereito ao traballo de todos os demandantes con discapacidade, tendo claro que o cambio social e o acercamento aos núcleos rurais é unha aposta segura.

Nesta liña, organizaranse cursos e accións formativas de diversa índole para aumentar as oportunidades de empregabilidade de todos aqueles que decidan formar parte deste gran proxecto.

Con esta medida, Xinzo e Cogami únense para a inclusión e a cobertura de necesidades, presentes e futuras, deste colectivo.

Comentarios