martes 21/9/21

O Concello de Xinzo cofinancia a instalación de doce cámaras de vixilancia con visión nocturna para mellorar a seguridade do parque empresarial

O Concello aportará 9.170 euros e a Administración autonómica un total de 36.700
140921 Visita P.E. de Xinzo 1
Visita ao Parque Empresarial de Xinzo

Unha vella demanda dos empresarios do polígono de Xinzo de Limia cumprirase coa instalación de doce cámaras de vixilancia con visión nocturna. Mellorar a seguridade do parque empresarial é o obxectivo desta actuación, que será cofinanciada por Concello e Xunta de Galicia e que deron a coñecer esta mañá a rexedora, Elvira Lama, e o delegado territorial da Administración autonómica, Gabriel Alén, acompañados polo presidente da Asociación de Empresarios, José Manuel Gómez.

. Sobre o funcionamento dos dispositivos, cómpre destacar que a ducia de cámaras que se instalarán en seis mastros de seis metros de altura (con 2 cámaras en cada mastro) están especialmente deseñadas para o recoñecemento de matrículas, conectadas todas elas a un equipo conmutador en rede, xestionado por un servidor con software específico de control, que posibilita a visión en tempo real de cada unha das cámaras dende calquera ordenador con conexión a Internet, así como o almacenamento das imaxes e envío de alarmas.

140921 Visita P.E. de Xinzo 2A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, asegurou que a seguridade é un tema prioritario para os parques empresariais e engadiu: “Este novidoso sistema de vixilancia pretende paliar as carencias en materia de seguridade no polígono, pois temos un número de axentes que non fan quendas de noite e chegan onde poden. No 2020 producíronse menos roubos pola pandemia e o confinamento, pero todos os anos hai roubos e danos. Este sistema mellorará a seguridade dos empresarios e das súas empresas”.
Pola súa banda, Gabriel Alén subliñou a relevancia desta actuación, “unha axuda importante para mellorar a competitividade do parque empresarial, que ten moito potencial ao estar ao lado da autovía”. O delegado territorial da Xunta de Galicia tamén recordou que están a piques de licitarse as obras de urbanización da ampliación do parque empresarial, nas que se investirán 3,6 millóns de euros. Despois destes traballos, o polígono contará cunha superficie total de 118.695 metros cadrados, dos que 86.521 metros cadrados se corresponden ás 23 parcelas de uso industrial e comercial nas que quedarán dividida esta área empresarial.

Novo panel informativo

No acto no que se anunciaron os detalles da instalación deste novidoso sistema de seguridade, tamén se deu a coñecer o novo panel informativo que, emprazado na entrada do parque empresarial, proporciona datos sobre as empresas que se reparten polas súas rúas. O panel foi instalado polo Concello de Xinzo a petición dos empresarios, cumpríndose así outra das súas demandas.