martes 21/9/21

O Concello de Xinzo investirá preto de 50.000 euros no arranxo de cinco pistas

Os traballos levaranse a cabo no entorno de A Moreira e da EDAR, ademais de nos núcleos de Trandeiras e Solveira

Pista
Pista

O Concello de Xinzo de Limia segue a traballar no arranxo das pistas que comunican o seu extenso territorio. Co fin de mellorar o firme de cinco delas, que se atopa moi deteriorado, investirá preto de 50.000 euros nas obras. Máis en concreto, acometeranse traballos en dúas vías do entorno de A Moreira e noutras tres emprazadas en Trandeiras, Solveira e nas inmediacións da EDAR.

Neste último punto dos arredores da depuradora levarase a cabo a limpeza mecánica de gabias e a reparación da calzada de saburra con aporte de áridos. No caso da pista de Trandeiras, emprazada na entrada do núcleo desde a estrada OU-0110, ademais da limpeza mecánica de gabias acometerase o bacheo do firme e dobre rego asfáltico. Unha reparación similar executarase na vía de Solveira que comunica con Trandeiras.

Cómpre destacar o caso das pistas de A Moreira, cedidas no seu día pola concentración parcelaria ao Concello e con terminación en rega asfáltica, que presentan un mal estado polo deterioro da capa de rodada existente, presentando gran cantidade de fochancas.

A superficie máis extensa na que se traballará será a correspondente á pista de Solveira (1.105 metros). O terreo de A Moreira afectado polas obras é de preto dun quilómetro, mentres que en Trandeiras e nas inmediacións da EDAR a actuación levarase a cabo en medio quilómetro de pistas en cada caso, aproximadamente.

O concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, destacou que se trata de “actuacións consensuadas froito de diversas reunións cos veciños das diversas zonas e sempre baseadas en estados de necesidade urxente."