lunes 28/9/20
A Garda Civil notificoulle a pasada noite ós responsables do local que non poderán volver a abrir

O Concello de Xinzo pecha o único lupanar do municipio para evitar a propagación do coronavirus

A alcaldesa da vila, Elvira Lama, tomou a decisión ante a falta dunha resolución por parte da Xunta de Galicia e cos precedentes de comunidades como a de Castela-A Mancha, Cataluña ou Murcia.  

O prostíbulo Scala en Xinzo de Limia está clausurado dende a pasada noite. | FOTO: Recuperada.
O prostíbulo Scala en Xinzo de Limia está clausurado dende a pasada noite. | FOTO: Recuperada.

Segundo fontes municipais e ante a falta dunha resolución específica por parte da Xunta de Galicia, o Concello de Xinzo decidiu actuar pola súa conta con relación ós prostíbulos, ordenando o peche do único que permanecía aberto na localidade.

As medidas adoptadas polos gobernos de Castela A Mancha, Murcia ou Cataluña inspiraron a decisión do grupo de goberno limián que decidiu instar ó peche -durante a pasada noite- do único lupanar que quedaba aberto na vila. 

Os efectivos da Garda Civil foron os encargados de presentarse no local para comunicarlle ós rexentes a decisión e obrigarlles a cerrar as portas do negocio.

A iniciativa foi da alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, que solicitou -o pasado luns, 24 de agosto, a primeira hora- a correspondente información sobre a licenza das dúas únicas mancebías que hai na localidade.

Os dous locais contan con licenzas de café especial, segundo informa o departamento municipal correspondente e, polo tanto, non lle está permitido ningún tipo de actividade nestas datas debido ás medias acordadas entre as Comunidades Autónomas e o Ministerio de Sanidade. 

Segundo determinaron os gobernos de Castela A Mancha e Cataluña, estes locais son lugares cun alto risco de propagación do virus. Ademais, segundo a alcaldesa, “é incoherente pechar o ocio nocturno e manter abertos este tipo de establecementos”.

Na mesma liña, Elvira Lama pídelle á Xunta que adoite algunha resolución que permita pechar todos os prostíbulos de Galicia ó marxe da licencia da que dispoñan, seguindo as recomendacións que a Ministra de Igualdade, Irene Montero, lle transmitía -por correspondencia- ás CCAA fai menos dunha semana. 

“A prostitución é unha forma de escravitude e de violencia contra as mulleres. Neste contexto súmase a todo isto a temeridade e perigo que supón para a seguridade e saúde das mulleres prostituidas, das personas que acuden a estes locais e das súas familias”, explica a alcaldesa da vila, que considera que esta pode ser unha oportunidade para pechar definitivamente este tipo de negocios.

En canto ó outro prostíbulo da vila -sobre o que non consta actividade recente- será obxecto de especial vixilancia durante os próximos días para ordenar igualmente o seu peche no caso de que a retomasen.

Comentarios