martes 21/9/21

O Concello de Xinzo, tentará involucrar a familias de Xinzo na acollida de menores que están no sistema de protección público

A alcaldesa, Elvira Lama, e a coordinadora da Asociación Galega de Acollida, Carmen Dourado, mantiveron unha reunión na que se estableceron as liñas de actuación que se levarán a cabo nos próximos meses

Reunión(1)
Reunión da alcaldesa e o concelleiro con Carmen Dourado

O Concello de Xinzo de Limia demostra o seu compromiso co acollemento familiar adheríndose a rede da Asociación Galega de Familia de Acollida, coa que acaba de iniciar unha relación de colaboración. A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, acompañada polo concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, mantivo unha reunión coa coordinadora de Acougo, Carmen Dourado, para establecer as primeiras liñas de actuación entre ambas partes. O primeiro paso desta colaboración, que se dará xunto aos servizo sociais municipais, pasa pola identificación de familias de acollida nas dúas modalidades posibles, ben a rapaces ou rapazas da mesma familia ou alleas a esta. A Asociación Galega de Familias de Acollida pretende levar a cabo unha charla informativa aberta a toda a cidadanía, pero especialmente para aquelas familias que desexen acoller. Tamén se expuxo  a posibilidade de realizar actividades formativas, sempre da man dos Servizos Sociais de Xinzo.

Pese á situación na que se encontran moitos menores, Acougo non conta con familias interesadas en acoller en Xinzo de Limia e a entidade confía en que a situación cambie nos próximos meses cando se coñeza a súa función e as características do acollemento, moi diferentes ás de a adopción. Así o explica Carmen Dourado: “A diferenza máis grande non é temporalidade, como moita xente pensa, senón que no acollemento non exista unha ruptura co vínculo e coa historia e pasado do menor”. A representante de Acougo insiste en que as familias interesadas deben poñerse en contacto con eles para coñecer as características do proceso, que seguirá cos profesionais de Cruz Vermella.

A alcaldesa de Xinzo, pola súa banda, amósase convencida de que despois desta actuación conxunta será posible involucrar a familias de Xinzo dispostas a acoller menores que hoxe se atopan maioritariamente en centros. Segundo os datos manexados por Elvira Lama, o 90% dos rapaces en acollida d provincia de Ourense están actualmente en centros do sistema de protección público.