lunes 30.03.2020

O conservatorio de música de Xinzo segue buscando mestres para comezar o curso con normalidade

Alumnos de acordeón poderían quedar sen clases

O conservatorio de música de Xinzo segue buscando mestres para comezar o curso con normalidade

    A situación do conservatorio complícase a quince días de comezar o curso. A semana pasada Verín notificoulle ó concello de Xinzo que daba marcha atrás nas negociacións aludindo que os servizos técnicos non lle permitían colaborar. Pola súa banda, o concello de Allariz non amosou intención de colaborar. Ante este panorama,  Xinzo ten a esperanza posta na Deputación de Ourense para conseguir os mestres que precisan para o novo curso, pois dende o propio consistorio non poden contratar nin por subvención debido ó plan de axuste.

O concelleiro de Cultura de Xinzo, Luis Miguel Gil, sinala que o Conservatorio precisa dous mestres máis, un de acordeón e outro de teórica. De non conseguilos, o alumnado de acordeón quedaría sen as súas clases para este novo curso. "Pedimos a cesión de profesores, foi o que tamén pedimos a Verín e a Allariz, non pedimos financiación, precisamos mestres para asumir todo o alumnado que quere cursar neste Conservatorio", matiza o concelleiro. Luis Miguel Gil confía na xestión da Deputación para que non se de o caso de alumnos que queden fóra do curso musical e sinala que "o que teño claro é que senón se colabora, senón se axuda, non abrirei a proba de acceso ó alumnado de fóra de Xinzo". Así mesmo apunta que se vai manter a materia de iniciación á música.

Mentres non se resolve o problema e seguindo as directrices da Xefatura Territorial, a actividade escolar na infraestrutura musical debe comezar o 13 de outubro. Na tarde do mércores fíxose público o listado de admitidos pola proba de acceso e os que entran por puntuación. Agora queda saber os que poden acceder por sorteo que vai ter lugar esta tarde a partir das 20h cando se celebre o consello escolar. Por último quedarán os alumnos pendente de vacante en función de se se ocupan tódalas prazas ou non de determinados instrumentos.

Comentarios