viernes 23/10/20

Declaración institucional do Concello de Xinzo de apoio aos dereitos LGBT

Co gallo do día Internacional do Orgullo LGTB 2020
1
1
Hai xa 30 anos, a Organización Mundial da Saúde suprimiu finalmente a homosexualidade da súa listaxe de enfermidades mentais, feito co que se pretendía acabar con case un século de homofobia médica e discriminación. Porén, a pesar das innegábeis mellorías desde entón, e aos avances na lexislación dos gobernos de progreso do estado, a realidade internacional para o colectivo LGBT non mudou substancialmente ao redor do mundo e as persoas LGBT seguen a padecer discriminación pola súa orientación sexual. 2É importante sinalar que o período de confinamento imposto para frear a pandemia da COVID-19 puido ter como consecuencia o empeoramento da situación de moitas persoas LGBT ao se veren, en moitos casos, separadas da súa rede de apoio habitual. Así, o risco de crear ou agravar problemas de saúde mental que implica a situación de illamento que trouxo consigo o confinamento, exacerbado pola dificultade ou mesmo a imposibilidade de poder consultar cun/ha profesional durante este período, veríase agravado aínda máis dentro do colectivo LGBT, xa de por si máis vulnerábel a este tipo de problemas debido á discriminación que sofre. Por culpa da pandemia, este ano non van poder ter lugar as marchas e manifestacións do Orgullo LGBT, cando menos do xeito habitual. Xustamente, por esta mesma razón é imperativo seguirmos a visibilizar os obstáculos e as discriminacións que continúan a asolar a vida das persoas LGBT e pórmos ao seu dispor todas as ferramentas precisas para axudalas a superaren, na medida do posíbel, as consecuencias da LGBTfobia. Resulta, pois, máis urxente ca nunca aproveitar o mes do Orgullo, e concretamente o Día Internacional do Orgullo LGBT que se celebra cada 28 de xuño, para reivindicarmos a necesidade da visibilidade das persoas LGBT como parte integral da nosa sociedade e para demandarmos unha maior atención sobre a necesidade de traballar contra a discriminación.  A homofobia e a transfobia son dúas formas de discriminación que non deben ter cabida nos nosos pobos, vilas e cidades, nin en ningún ámbito da nosa sociedade, por atentaren contra a convivencia, o respecto para a diferenza e a diversidade, piares básicos que deben sustentar calquera sociedade democrática e plural. A Corporación Municipal de Xinzo de Limia recoñece explícita e publicamente que os dereitos das persoas LGBT son dereitos humanos e que a diversidade sexual debe contemplarse como un dereito básico en calquera ámbito da vida.