martes 21/9/21
O delegado do goberno en galicia visitou o concello de Xinzo

O delegado do Goberno en Galicia repasou coa alcaldesa de Xinzo de Limia os principais investimentos no Concello

José Miñones destaca o compromiso do Goberno de España co municipalismo e o reto demográfico con investimentos de 32 millóns de euros na comarca da Limia

Visita3
Firma no libro de honra do Concello

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o compromiso do Goberno co municipalismo e co reto demográfico a través de investimentos que acadan os 32 millóns de euros no Concello de Xinzo e na comarca da Limia.

Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; José Miñones mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, na que analizaron algunhas das principais actuacións que distintos ministerios executan e proxectan na comarca e que permitirán mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir a igualdade de oportunidades no rural.

Visita7O delegado do Goberno destacou o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA) que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do que se beneficiarán quince entidades de poboación no rural do concello de Xinzo.
No encontro, o delegado do Goberno salientou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, aprobou os sete proxectos propostos polo executivo local que permitirán a substitución de 4.610 luminarias tradicionais por luces LED. A través desta liña de axudas para a eficiencia enerxética e a renovación do alumeado, o Goberno achegará preto de 1,5 millóns de euros ao Concello de Xinzo.

Así mesmo, José Miñones destacou o compromiso do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para destinar preto de 28 millóns de euros para sufragar a limpeza das canles de A Limia e a mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da comarca. Trátase dun paso fundamental para aumentar a competitividade do sector agrícola e para contribuír á sostenibilidade ambiental, económica e social.

 Así mesmo, o delegado do Goberno repasou os proxectos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no Concello, que suman nestes momentos investimentos por 1,24 millóns de euros. Estes proxectos permitirán asegurar a protección das estruturas relacionadas coa auga na contorna do mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras e recuperar a conectividade ecolóxica do río Faramontaos coa retirada da presa de Gudín.

Visita5

En todas as visitas, o delegado e o subdelegado estiveron acompañados pola alcaldesa Elvira Lama e os concelleiros Penabad, Moncho e Amador