martes 2/3/21

A Deputación vai crear un centro de ensino na Casa da Cultura de Xinzo para os non admitidos no Conservatorio

O ente provincial asume o profesorado e o Concello dispón as aulas

Praza Carlos Casares

    O alumnado que quedou fóra do Conservatorio de música de Xinzo pasará a cursar os seus estudos nun centro de ensino creado pola Deputación de Ourense. Isto é, o ente provincial asume o profesorado que se precisa e o Concello colabora aportando as aulas para as clases na Casa da Cultura.

Esta é a solución que se acordou nunha xuntanza que se produciu onte na Deputación e á que acudiron pais de alumnos afectados; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Luis Fernández; o ex director do Conservatorio de Ourense Carlos Núñez; a deputada provincial Montse Lama e o concelleiro de Cultura de Xinzo, Luis Miguel Gil. 

A escola de música vai ser de grado elemental e o alumnado recibirá idéntica formación á impartida no Conservatorio. Deste xeito garántase que as persoas que cursen esta ensinanza non oficial poidan optar ós exames de paso de grado para obter unha praza de estudos medios.

Agora a Deputación está á espera de recibir un informe co número de alumnos e instrumentos para os que vai dispor o profesorado. Este grupo de afectados está integrado polos dous alumnos de acordeón, que son oficiais, e arrredor de 15 alumnos non oficiais, que son aquelas persoas de máis de 14 anos que se matricularon en grado elemental. En total farán falta 8 profesores para cubrir as clases de acordeón, violín/viola, clarinete, frauta, trompeta, guitarra, saxofón e piano. Dende o Concello non dubidan no compromiso da Deputación que estima un prazo de quince días para ter todo a punto e empezar coas clases. 

O concelleiro de cultura de Xinzo apunta que se trata dunha solución puntual para este curso. Luis Miguel Gil sinala que para o vindeiro ano " din a idea de que se faga como ten a Xunta coas escolas infantís e centros de día, pois un consorcio da Deputación no que entren tódolos conservatorios municipais da provincia, e colaborar entre tódolos concellos, nos por exemplo aportamos oito profesores e as instalacións e así colaborar entre todos".

Comentarios