Desvelado un dos segredos mellor gardados do Nadal21 en Xinzo

Tren praza maior 01
Desvelado un dos segredos mellor gardados do Nadal21 en Xinzo
Chegou o Tren "Polar express", pero aínda falta a cabalgata de reis, que tamén garde segredos

Ao mesmo tempo que o AVE chega Ourense o tren do filme “Polar Express” instalouse na Praza Maior de Xinzo de Limia para desvelar un dos segredos mellor gardados destas festas na vila. Xa o anunciou a alcaldesa, Elvira Lama, na presentación da programación de Nadal e así está sucedendo: a ilusión volve este mes de decembro a inundar todo un pobo. O tren, que semella o da película na que un grupo de cativos viven aventuras a bordo para coñecer a Papá Noel, tamén permite aos nenos subirse nos vagóns e deixar voar a imaxinación. Ademais, un dos edificios deteriorados da praza cambiou a súa imaxe e fai de estación cunha lograda iluminación.

Tren praza maior 2Aínda que acaba de construírse, son moitos os veciños e os visitantes que xa tiveron ocasión de facerse fotos como auténticos protagonistas de “Polar Express”. O concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad, supervisou a montaxe ao longo de todo un mes. O edil agradeceu o traballo do carpinteiro Iván Fandinga, do grafiteiro Ozono e dos técnicos que prestaron a súa axuda. Tamén destacou o interese que está a espertar a iniciativa entre a poboación: “Aos nenos encántalle subir ao vagón e os más maiores están impresionados co cambio de imaxe do edificio que se converteu na estación. O espírito do Nadal da película é enorme e por iso pensamos en trasladar algún dos seus escenarios á vila”.
Xinzo estase a converter nun lugar máxico. Dende a ponte de decembro, a iluminación ambienta as rúas da vila e tamén do rural. Mención especial merece a decoración instalada no parque do Pombal, onde as casiñas de Nadal están a espertar gran expectación, ademais da ornamentación da praza dos ovos e de Bispo Cesáreo.
O “Polar Express” acompañará a Papá Noel cando nos próximos días reciba, na súa casiña da Praza Maior, as visitas dos máis pequenos. A praza de Carlos Casares é outro dos puntos neurálxicos do Nadal coa pista de patinaxe sobre xeo e o Mercado de Artesanía. Ata o 7 de xaneiro. poderase acceder de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas, mentres que a fin de semana e os festivos estenderase de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.

TAMÉN GARDA SEGREDOS

A cabalgata de Reis cambiará este ano o percorrido. A saída efectuarase dende o pavillón de deportes, o 5 de xaneiro a partir das 18.00 horas. As súas Maxestades de Oriente tamén chegarán a Xinzo con moitas sorpresas.

Tren praza maior