miércoles 30/9/20
O presunto autor do delito ten 41 anos e foi atopado nun inmoble do barrio de Covadonga da capital das Burgas

Detido un home de Xinzo tras roubar 5 euros a man armada nun establecemento do Couto, en Ourense

Ó individuo impútanselle cargos por un delito de roubo con intimidación no que utilizou un revólver para ameazar a unha dependenta, que só puido entregarlle 5 euros da caixa.

O arrestado, natural do municipio limián, carga con 13 detencións previas.

Cartel de saída de Xinzo de Limia. | FOTO: Recuperada.
Cartel de saída de Xinzo de Limia. | FOTO: Recuperada.

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron, o pasado venres 14 de agosto, a un home natural de Xinzo de Limia como presunto autor dun delito de roubo con intimidación: ameazou á dependenta dun establecemento comercial da zona do Couto (Ourense) cunha arma de fogo. 

O detido foi identificado coma un varón de 41 anos ó que se lle imputan 13 arrestos anteriores.

Os feitos tiveron lugar cara as 16:35 horas, cando un individuo entrou no comercio pedindo unha botella de auga e, acto seguido, sacou un revólver co que apuntou directamente á empregada esixíndolle a recadación da caixa, que correspondía a 5 euros

O ladrón abandonou o establecemento ó tempo que ameazaba con regresar en busca de máis diñeiro. A vítima chamou á Sala do 091 -unha dependencia da Policía Nacional que canaliza e dá resposta ás solicitudes urxentes e demandas de información dos cidadáns en todo o territorio nacional-.

Minutos despois, os axentes da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá e da Policía Xudicial acudiron ó lugar dos feitos, onde estableceron un dispositivo de busca e captura. O presunto culpable foi localizado uns 45 minutos despois polos efectivos da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, no interior dun edificio do barrio de Covadonga (Ourense)

Os policías atoparon a dous homes no descanso do inmoble e cachearon a un deles porque "coincidía coa descripción física aportada pola vítima", segundo fontes da Policía Nacional.

O revólver encontrouse tirado no piso e o limián foi detido como sospeitoso e trasladado ás dependencias policiais: o presunto autor do delito xa ingresou en prisión tras pasar a disposición xudicial.

Comentarios