domingo 9/8/20

Díaz Mouteira mantivo un encontro institucional coa alcaldesa de Xinzo

Elvira Lama estivo acompañada do concelleiro Ramón Gómez Salgado

Díaz Mouteira mantivo un encontro institucional coa alcaldesa de Xinzo

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho á alcaldesa do concello ourensán de Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Díaz Mouteira iniciou o pasado luns co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles. Ademais, no caso de Lama Fernández que accedeu por primeira vez á Alcaldía deste concello ourensán, Marisol Díaz con esta reunión  quixo tamén coñecer “saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”. 

050919 alcaldesa Xinzo1

Ademais, Díaz Mouteira destacou que dende finais do pasado ano se está a facer a tramitación necesaria para a ampliación do Polígono Empresarial de Xinzo de Limia.    Indicou que con esta actuación disporanse de case 120.000 m2, dos que máis dun 70% -case 86.000 m2-, serán a superficie bruta destinados ás 23 novas parcelas de uso industrial e comercial.

Marisol Díaz indicou que o Goberno galego ten o compromiso firme de acometer a ampliación deste polígono empresarial e que a previsión é iniciar os traballos de urbanización dos terreos no vindeiro ano. Esta actuación implica un investimento de máis de 3,3 millóns de euros.

Segundo manifestou Elvira Lama, na reunión tratáronse temas e proxetos que nas vindeiras semanas se levarán as distintas consellerías.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello, insistindo nas “vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que aunando esforzos se poden levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.”