miércoles 30/9/20
Os profesores comezaron este xoves unha serie de concentracións para protestar pola decisión da Xefatura Territorial

Educación amortiza a praza dun mestre e concentra a máis cativos nas aulas do Rosalía de Castro de Xinzo

Cando mesmo na capital de Ourense veñen de restrinxir o número de asistentes a unha concentración de persoas, no CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, os seus mestres comezaron as protestas pola orde da Xefatura Territorial de amortizar a praza dun profesor que os obriga a contar cun maior número de alumnos nas aulas

Os mestres concentraranse durante un par de semanas.
Os mestres concentraranse durante un par de semanas.

Todos os días desta e da vindeira semana concentraranse os mestres do Centro de Educación Infantil e Primaria Rosalía de Castro para facer visible o seu rexeitamento á decisión de Xefatura Provincial da Consellería de Educación de deshabilitar a praza dun profesor que lle permitía á institución académica contar con tres grupos en Terceiro, de 17, 16 e 16 nenos en vez dos 25 e 24 cativos dos dous cos que quedará a escola neste curso. 
Xustifícanse dende a Consellería que amortizando esa praza mantéñense os rateos máximos fixados por aula, de 25. Condición que discute o claustro dos mestres e polo que veñen de iniciar esas mobilizacións: "Queremos amosar a nosa máis profunda preocupación e rexeitamento á decisión tomada por parte desa Xefatura Territorial de non habilitar unha praza de Educación Primaria como se viña facendo nos cursos anteriores para poder desdobrar aqueles niveis máis numerosos, e así poder traballar cun rateo que garantira unha educación pública de máis calidade", din no documento asinado polos mestres. 

A decisión administrativa é todavía máis discutible dado o actual estado de alarma sanitaria que prevé as "mínimas concentracións posibles, sen ir máis lonxe, na capital de Ourense non se poden facer xuntanzas de máis de dez persoas, e curiosamente dende a Xunta concentran a máis alumnos nas aulas", di un dos profesionais da ensinanza. 

Cando o estado de alarma sanitaria prevé na capital de Ourense, por exemplo, mínimas concentracións de persoas, cun máximo de 10 integrantes, a Consellería de Educación reduce o número de mestres e concentra a máis cativos nas aulas de Xinzo, din os mestres.

"Cremos", sinalan no documento que asinaron, que "este feito parece moito máis incongruente neste curso onde, debido á pandemia causada pola COVID 19, faise máis necesario que nunca non ter grupos numerosos para poder contar coas debidas condicións necesarias de seguridade, respectando as distancias implantadas polo Protocolo ditado pola Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidade", conclúen.

A carta asinada xa foi remitida á Xefatura Provincial da Consellería de Educación, a que lle solicitan que reconsidere a decisión de amortización desa praza. "Se non nos escoitan, estou seguro que teremos o apoio das nais e pais dos cativos para continuar coas concentracións e mobilizacións", advirte o colectivo. 

Comentarios