Elvira Lama sobre a imputación de Pérez: “era de esperar”

elvira lama
Elvira Lama sobre a imputación de Pérez: “era de esperar”
A voceira do PSOE en Xinzo asegurou que pedirán a dimisión do alcalde unha vez máis no próximo pleno MARÍA FERNÁNDEZ...

A voceira do PSOE en Xinzo asegurou que pedirán a dimisión do alcalde unha vez máis no próximo pleno

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

“Era de esperar” foi a primeira reacción da rival política de Antonio Pérez e representante do grupo socialista en Xinzo, Elvira Lama ao falarlle da súa imputación. “Non é nada raro”, explicaba, “desde a oposición e incluso o propio alcalde, estabamos esperando a que se producise, xa que as acusacións que se facían desde o xulgado do contencioso xa apuntaban que os indicios eran de prevaricación”.

A voceira socialista recordounos o episodio vivido no pasado pleno de carácter extraordinario cando lle pediron ao rexedor a súa dimisión ante a situación xudicial do Concello, con nove sentenzas condenatorias por contratos ilegais. “Daquela alegou que non marchaba porque nin sequera estaba imputado, e agora que o está, nós volveremos a pedir que marche”, aseguraba Lama. Unha petición que farán efectiva no plenario de finais deste mesmo mes.

“O que está pasando é gravísimo, polo que a dimisión sería un paso que o honraría”, declaraba rotunda Elvira Lama a este dixital. “É un home novo, debe dar exemplo, deixar o cargo e defenderse, para que despois sexa a xustiza quen determine se é ou non inocente”, este proceder sería para o socialismo limiao o que debería seguir o alcalde da vila.

Non esperan a súa dimisión

Porén, a voceira dun dos principais partidos da oposición vaticinou que Antonio Pérez seguirá o exemplo  doutros alcaldes da provincia que comparten con el a condición de deputados provinciais, e desde hoxe tamén a de imputados, e que permanecerá no seu cargo. Para Lama, Pérez quedará, seguramente alegando que a condición de imputado non é incompatible coa de inocente.