sábado 24/10/20
Este martes están convocados os limiáns a unha xuntanza aberta no salón de plenos municipal

A Concellería pídelle ideas á cidadanía para repensar o Entroido de Xinzo da "nova normalidade"

O martes, 6 de outubro, terá lugar a primeira reunión do ano, aberta á cidadanía, sobre o Entroido 2021. A Concellería de Cultura invita a repensar as actividades da festa, proclamada de Interese Turístico Internacional dende o ano 2019. 

As Pantallas danzando, as grandes protagonistas do Entroido limiá.| FOTO: Noelia Caseiro.
As Pantallas danzando, as grandes protagonistas do Entroido limiá.| FOTO: Noelia Caseiro.

O próximo martes 6 de outubro, ás 20:00 horas, está convocada unha reunión aberta a toda a veciñanza de Xinzo de Limia para aportar ideas sobre o novo plantexamento do Entroido no próximo ano 2021. Terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello.

A Concellería de Cultura decidiu organizar, canto antes, a reunión anual para encamiñar o acontecemento emblemático da comarca. O Entroido, declarado de Interese Turístico Internacional no 2019, terá que someterse a análise para comezar a súa organización en época de coronavirus, tendo en conta as charangas, a danza das Pantallas e as numerosas xuntanzas multitudinarias coma o Oleiro, o Fareleiro ou o colgamento do Meco. 

cartel asamblea Entroido 2021Cartel da asamblea cidadá para unha primeira aportación de cara o Entroido 2021. 

Como declarou Ramiro Rodríguez, concelleiro de Cultura, é preciso "empezar a traballar para garantir que o Entroido 2021 se poida desenvolver nas mellores condicións posibles".

É necesario buscar o compromiso e o acordo con todos os sectores afectados e respectando a tradición, máis poñendo por diante a seguridade e a saúde (Ramiro Rodríguez) 

Coñecendo as circunstancias actuais que rodean, non só ao concello de Xinzo, senón a toda a poboación a nivel mundial, o concelleiro de Cultura ten claro que se tratará dunha edición única na cal, todos os participantes e visitantes, terán que adaptarse á realidade imperante: a COVID-19. 

Convidan a que, todos os veciños e veciñas que se queiran achegar á xuntanza, o fagan libremente para participar do "novo Entroido", respectando sempre as medidas de seguridade e distancia social. 

Comentarios